Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

O triángulo escaleno, de Xosé Agrelo Hermo


Autor:      Ramón Nicolás
01/06/2011

Na entrega de premios anuais que a
Asociación Galega de Editores celebrou hai uns meses na cidade de Lugo
un dos editores que recibiron unha merecida homenaxe foi, precisamente, o
autor desta peza teatral, inédita ata agora, e que Toxosoutos edita na
súa colección A esmorga-Teatro; á que xunta, por certo, a publicación
d´O espantallo, con ilustracións de Pepe Carreiro.

Nesta liña de perseverar na lembranza de Agrelo O triángulo escaleno
prológase, ademais, por dúas voces que afondan nalgunhas dimensións
destacables tanto do propio autor como da súa obra teatral en xeral e
desta peza en particular.

O
primeiro limiar vén da man de Xerardo Agrafoxo, que subliña o papel
que desempeñou Agrelo como iniciador dunha aventura teatral propia
baixo o nome de “Grupo de Teatro Candea”, realizando asemade un
seguimento das intencións do mesmo e das pezas estreadas, tendo en
conta o contexto social e político desfavorable no que esta se xestou e
desenvolveu, remarcando globalmente os trazos definitorios das pezas
levadas a escena como foron a súa sinxeleza, a nada oculta mensaxe
política e a firme defensa do idioma galego.


Pola súa parte, Euloxio R. Ruibal, para quen Agrelo foi un
“completo home de teatro” na súas facetas de director, intérprete,
promotor e autor, analiza polo miúdo as pezas teatrais coñecidas ata
hoxe como son Noite de lobos, Metá e metá, O mestre, aqueloutras que
incardina no ámbito do teatro infantil e, loxicamente, os trazos
caracterizadores da presente O triángulo escaleno.

Unha
lectura da peza edita desvela axiña as claves da peza como son o
asunto temático inclinado cara ás vertentes das relacións amorosas e
sentimentais, expostas de xeito desinhibido e sen tabús, a intensa
carga irónica nas situacións descritas, a superación de tópicos ou
preconceptos e, ao tempo, os límites da liberdade individual e
colectiva. Por outro lado, a verosimilitude das situacións expostas a
carón da innegable fluidez dialogal que domina esta achega, teño para
min, resultan algúns dos aspectos máis conseguidos da obra
merecidamente rescatada e que pon a figura do seu autor, de novo, de
actualidade.