A Clave Phidias pode considerarse, utilizando o símil
cinematográfico, unha novela en tres dimensións.
Unha primeira, a do entretemento, na que o seu obxectivo é
desenvolver unha trama crible, con certas doses de intriga e capaz de captar o
interese do lector que busca, ante todo, pasar un bo rato.
Atoparémonos coa seguinte sinopse:
Bernardo e
Ramón son dous policías de idades dispares que traballan nunha cidade na que se
cometeron unha serie de crimes que semellan estar vencellados. A chegada de
Olmedo, un axente sagaz e un tanto excéntrico, precipita a escisión do equipo,
transformándose a pescuda nunha loita de egos na que cadaquén tentará demostrar
a súa valía. Mentres que o ímpetu dun deles levaralle a patear as rúas tratando
de descubrir algunha pista, outro encargarase de analizar minuciosamente as
probas atopadas. Altas doses de perspicacia e pericia ademais dun gran número
de coñecementos musicais, matemáticos, históricos e lingüísticos se mesturarán
nun xogo tramado a medida por un asasino escorregadizo. Acadarano? Serán quen
de esquecer egos e desavinzas para conformar un equipo de traballo que
funcione? Chegarán a tempo? Estes interrogantes levarannos a un final que
sorprenderá a quen tome parte nesta trepidante investigación.
Existe tamén unha segunda dimensión, a da formación, na que
se pretende aproveitar o fío narrativo para achegar unha serie de coñecementos
en temas tan variados como a etimoloxía das palabras, a historia, as
matemáticas, a música ou dar a coñecer o funcionamiento dalgúns departamentos dunha
gran entidade bancaria. Isto permite, non só acceder a información que pode
resultar de interese senón conseguir que o texto soporte con certa facilidade
unha segunda ou terceira lectura.
E, por enriba destas dúas visións, incorpórase unha
terceira, a da reflexión, coa intención
de achegar algunhas ideas e conceptos que axuden a recapacitar sobre aspectos
máis xerais como por exemplo a incidencia que teñen, tanto a nivel individual
como social, as decisións tomadas por algúns no ámbito laboral ou a confrontación entre dúas visións que ás
veces parecen ser antagónicas, a baseada na experiencia e a sustentada pola
erudición.
Confórmase así esa visión 3D, tan de moda nestes tempos, onde
o ritmo, o humor e o suspense xúntanse nun
relato que atrapará ao lector.