Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Listado de novas:


Dende 139 até 144 de 201 elementos



<< Anterior 1 ... 16 17 18 19 20 21 22 23 2425 26 27 28 29 30 31 32   ... 34 Seguinte >>


Ver noticia

Lupe Gómez deita nun novo libro o diálogo coas imaxes de Emilio Araúxo


Autor:      Vanesa Oliveira
24/02/2011

Santiago. "O meu libro A grafía dos mapas é a Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas, o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade". Editado por Toxosoutos, o libro preséntase

hoxe ás 20 horas na Libraría Pedreira de Compostela, nun acto no que a poeta de Fisteus estará acompañada polo editor, David G. Couso, a bailarina Branca Novoneyra e os músicos Xabier Díaz e Guille Fernández que interpretarán temtas de de Arrolos de salitre.

"Recordo empezar a escribirme con Emilio Araúxo cando morreu Uxío Novoneyra" -lembra Lupe Gómez- que fora cando escribira Poesía fea e el mo editara en Noitarenga. Araúxo mandábame fotos para facer poemas que publicar nos caderniños da súa editorial, Amastra-n-gallar. O ano pasado Toxosoutos interesouse no proxecto e así naceu este libro", marcado polo Entroido como símbolo da alegría pero tamén da crítica; un libro dual, que busca "as contradicións, os paradoxos que existen na vida".

Leitora "máis periódicos que de libros", a autora quere "que as preocupacións da sociedade entren no que escribo" e por iso A grafía dos mapas reflicte a crítica social desde unha ollada na que a nenez e a infancia están moi vivas.

No poema Xardín de Infancia, Lupe deita tamén críticas á educación dos nenos. "Si, son os nenos pero tamén Galicia, que está no cárcere. Os nenos están encarcerados porque non poden xogar na rúa, non poden expresarse nin falar, só lles ofrecemos as novas tecnoloxías e a televisión. É coma se lles pechasemos os ollos e non poden ver nin falar. Son nenos que están obrigados a ser produtivos como estamos obrigados os adultos tamén, a facer cousas. Pero en realidade non estamos vivindo senón pechando a vida", afirma a poeta quen reivindica a "nada, ese silencio, esa calma. É importante buscar a paz a través da literatura".

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

As raíces galegas de Carmen Martín Gaite


Autor:      Armando Requeixo. El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-2-2010
20/02/2011

Entre as novas promocións de filólogos, David González Couso salienta pola súa dedicación e entrega á causa literaria tanto galega coma castelá. Os seus traballos sobre lírica galego-portuguesa medieval e poesía castelá do século XVI testemuñan o que afirmo.

Ora ben, se hai un eido investigador no que se ten significado este estudoso ourensán ese é o da análise da biobibliografía da escritora Carmen Martín Gaite, sobre a que ten publicado abondosos textos, entre os que merecen subliñarse monografías como Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite (2008) e os manuais Una propuesta de lectura para «Caperucita en Manhattan» (2008) e Guía de lectura «Caperucita en Manhattan» (2010).

Pois ben, continuando con esta liña de investigación González Couso dá agora á luz O fío da escritura, descritivamente subtitulado “A pegada cultural dos Gaite en Galicia”, volume que conta cun documentado e moi informativo limiar do poeta e profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, tamén el estudoso da literatura de noso e recoñecido hispanista.

O fío da escrita leva a cabo un exhaustivo repaso ás orixes galegas de Carmen Martín Gaite, a familia materna da cal era de ascendencia ourensá. De feito, a célebre escritora española veraneou dende cativa en San Lourenzo de Piñor e, cando de maior emparellou co tamén famoso Rafael Sánchez Ferlosio, ambos pasaron vacacións na casa familiar que nesta parroquia posuían os Gaite.

Grazas ás laboriosas investigacións de González Couso hoxe sabemos que o bisavó da escritora, Joaquín Gaite Núñez, foi un importante docente ourensán (era catedrático de Xeografía no instituto daquela cidade) e mesmo chegou a fundar unha histórica cabeceira do xornalismo galego como foi El Orensano e participar, como xurado, no Certame Poético de 1877 no que fora premiado un aínda mozo Manuel Curros Enríquez.

O libro de González Couso fai tamén un repaso dos contributos do irmán de Joaquín, Antonio Gaite Núñez, igualmente destacado educador ourensán e director eventual do periódico que fundara seu irmán.

Do mesmo xeito, o fillo de Joaquín, Francisco Javier Gaite Lloves, avó da autora de Retahílas, foi tamén un acreditado docente e, así mesmo, un notable ensaísta sobre os máis variados temas, do que dá cumprida conta González Couso nas súas precisas páxinas introdutorias.

Aínda que neste O fío da escritura se tratan tamén outras figuras familiares de relevo (velaí o Padre Gaite, José Gaite Sancho, apreciado orador sacro e coñecido publicista de homilías, ou o tío avó da autora, Antonio Gaite Lloves, profesor de ciencias e un dos fundadores e primeiro director do Ateneo de Ourense, mesmo Ramón Méndez Gaite, sacerdote, ensaísta, conferenciante e historiador que tamén publicou artigos sobre Santiago ou Vigo en medios galeguistas de alén mar como a revista Galicia ou o semanario Tierra Gallega), ofrece un interese indubidable o capítulo que González Couso dedica a “O imaxinario galego na literatura de Carmen Martín Gaite”, onde percorre as pegadas que Galicia e os galegos deixaron en títulos da autora como Las ataduras, Retahílas, El Pastel del diablo ou La Reina de las Nieves.

O volume remata coa reprodución de tres curiosos facsímiles debidos a Joaquín e Antonio Gaite Núñez e mais ao fillo do primeiro, Francisco Javier Gaite Lloves.

O fío da escritura é, con certeza, un valioso traballo de investigación xenocrítico e biográfico que fotografa con meticuloso detalle o labor cultural dos Gaite na Galicia do XIX e primeiros anos do pasado século, á vez que un suxestivo percorrido polas raiceiras galegas de páxinas e pasaxes narrativas de Carmen Martín Gaite, unha das máis importantes escritoras españolas dos tempos recentes, que ten en David González Couso un analista de excepción.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 20-2-2010]

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

David González Couso percorre en «O fío da escritura» a historia dos Gaite


Autor:      La Voz de Galicia (Ourense)
16/02/2011

A Editorial Toxosoutos publicou na súa nova colección Esmorga a obra do filólogo ourensán David González Couso O fío da escritura. Neste traballo o filólogo e investigador, que xa ten publicado outros traballos relacionados coa escritora Carmen Martín Gaite, fai un percorrido pola historia cultural do Ourense do século XIX da man da xenealoxía dos Gaite.

Os Gaite realizaron «durante o século XIX un labor docente, xornalístico, administrativo e cultural en xeral moi significativo en Galicia e absolutamente considerable en Ourense, que nunca fora tratado en conxunto». No libro mantense que «a familia é a paisaxe psicolóxica que nos acompaña sempre» e de aí a importancia destes «antepasados galaicos de Carmen Martín Gaite» na narrativa da autora «o que lles confire un interese contextual e xenotextual moi importante» para comprender a súa obra.

O labor público da familia Gaite, como se recolle en O fío da escritura, estivo vencellado ao ensino, á imprenta, á prensa, á administración e á cultura de Ourense «e, mesmo, de certos aspectos do acontecer social de Allariz e Pontevedra».

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

Teatro recuperado


Autor:      Armando Requeixo
13/02/2011

Da man de Antonio Rey Somoza, máximo especialista na biobibliografía de Xesús San Luís Romero, publícase na Editorial Toxosoutos a peza de teatro Foliada no rueiro, paso cómico folclórico en dous actos que o autor de Carballo escribira en 1959 e que permanecía ata hoxe inédita.No breve pero documentado estudo introdutorio que precede á obra, Rey Somoza dá conta dos principais riscos da vida e produción do autor para deterse, con maior detalle, na descrición da súa escrita teatral e, máis particularmente, da peza editada e a súa relación co drama costumista e de crítica social Rosiña, tamén da súa autoría.

Unha recuperación acaída esta de Foliada no rueiro, realizada por un competente Rey Somoza, grazas ao cal hoxe figura en volume tamén a amentada Rosiña, ás que aínda habería que sumar as recentes edicións de Alfonso Rey López do drama Xenreira e mais os Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas de San Luís Romero.

Como queira que aínda fica abonda obra teatral do escritor por recuperar, non ha ser mala idea a de ir debrocándose na lectura desta divertida Foliada no rueiro na espera de futuras exhumacións tan oportunas como a presente.

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

«Sobre a terra do Courel aínda hai moitas cousas que escribir»


Autor:      Francisco Albo
09/02/2011

Jesús Alfonso Parada Jato, natural da parroquia courelá de Meiraos, presentará o día 15 en Lugo -na librería Trama, ás 20 horas- o seu libro Lembranzas do Courel, unha continuación da súa primeira obra, Usos, costumes e cousas do Courel, publicada no 2007 pola editorial Toxosoutos e actualmente esgotada.

-¿Que diferenzas hai entre este novo libro e o precedente?

-Esta obra é algo menos extensa -ten 234 páxinas- e segue unha óptica máis persoal que a anterior, na que me limitaba a describir as cousas dunha forma obxectiva, sen dar as miñas opinións. O marco xeográfico é máis amplo, porque falo tamén dalgúns territorios limítrofes que teñen moitas semellanzas co Courel, como os municipios de Quiroga, A Pobra do Brollón, Samos, O Cebreiro e algunhas localidades da provincia de León. Os contidos son similares: contos populares, cantigas, costumes, práticas agrícolas tradicionais, anacos de historia local... A maior parte do libro está recollida da tradición oral e son materiais que non puiden incluír na miña primeira obra.

-¿Pensa publicar máis traballos deste tipo?

-Si, porque sobre a terra do Courel aínda hai moitas cousas que escribir. Sigo recollendo as historias, as anécdotas e os costumes que recorda a xente maior e aínda faltan moitas aldeas por visitar na serra e nos seus arredores. Teño en proxecto continuar esta serie con outro libro, pero aínda non sei cando o poderei terminar.

-A estas alturas do século XXI, a recollida da tradición oral xa non poderá demorarse moito...

-Non, hai que darse certa presa para recoller todas estas tradicións culturais antes de que se perdan para sempre, porque cada vez son menos os veciños que recordan as cousas de antano. Desde que publiquei o primeiro libro xa faleceron unhas quince persoas que sabían moito destas cousas e que me proporcionaron moitas informacións.

-¿Ten outras publicacións en mente?

-Teño pensado elaborar un diccionario da fala popular do Courel en colaboración con outra autora, María Moure, e xa recollemos moito material lexicográfico con esta idea. A ver cando temos tempo para ordenalo e darlle forma... Por outro lado, no próximo outono espero publicar a tradución ao castelán do meu primeiro poemario, A cor das uces, que apareceu no 2008. E para esta primavera está previsto editar unha antoloxía de poesía sentimentalista na que participo eu xunto co escritor lucense Xesús Manuel Valcárcel e outros cinco autores que pertencen a esta corrente.

jesús alfonso parada escritor

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

«Para afirmar a vida hai que denunciar a morte»


Autor:      La Voz de Galicia
05/02/2011

Poeta, narrador, autor teatral e ensaísta sempre en vangarda, Claudio Rodríguez Fer é tamén autor de máis de medio cento de obras creación e investigación. Pero, por riba de todo, é poeta erótico, dimensión coa que seu a coñecer en libro e á que consagrou numerosas obras. Director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, da USC, Rodríguez Fer, ven de presentar seu libro Unha tempada no paraíso, na Fundación Granell, obra de poemas publicada pola editorial Toxosoutos na súa colección Esmorga, con ilustracións eróticas de Sara Lamas.

-O público abarrotou a sala con esta presentación, cando no é moi frecuente, especialmente cando se trata de poesía.

-Non, o cal alégrame moito pola editorial, pola autora das ilustracións, polo libro e tamén polo feito de que esta presentación tivo lugar na Fundación Granell, unha bandeira da vangarda en Galicia, á que ademais me sinto vinculado porque fun amigo de Eugenio Granell, o pintor que lle da nome, con quen publiquei un libro no que el facía serigrafías e eu os poemas.

-Amor, liberdade e poesía, que dalgunha maneira, son os eixos da súa poesía.

-Si. Forman parte da miña poética esencial. A miña obra caracterízase por un espírito libertario. Outra cousa é que este tipo de creación libre sexa o que lle interesa ao capital que comercia e vende literatura de masas. Polo tanto, esta é unha razón de máis para practicar a insubmisión ante toda clase de compracencia ou comercialismo.

-Que a poesía xa non ocupe as aulas, nin estea de moda, como noutros tempos, debe ser algo moi triste para o poeta.

-É lamentable. É unha perda gravísima que isto suceda. O que pasa é que moita xente se rebela moitas veces contra este tipo de castración da sensibilidade, a través precisamente doutras válvulas de escape, como pode ser a canción, porque a xente ten necesidade de poesía.

-Pode ser que a poesía, como o cine e outras artes necesite redefinir novos espazos.

-Como publicación minoritaria aínda subsiste, Noutras épocas tampouco se vendía masivamente a poesía en libros, pero si se transmitía masivamente a través das cancións. Pero a poesía debe ir gañando outro tipo de vehículo ou medio de expresión. Eu mesmo fago poesía visual.

-¿Por que tamén a memoria histórica, outro eixo da súa poesía, está presente nese libro?

-Porque para afirmar a vida é necesario denunciar a morte. eu fago poesía pola vida e, polo tanto, estou obrigado a facer memoria contra a morte. Para que non volva a suceder o que sucedeu e compensar aos que padeceron inxustamente. Eu fago cos meus versos xustiza poética, xa que xustiza histórica é imposible.

[...]
      Ler máis...