Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Pop, rock e malditismo


Autor:      Montse Dopico
05/06/2010


"Por fin ve a luz unha primeira entrega na que se recompila o mellor
do pop-rock galego dende a súa alborada". "Dende este momento tócache a
ti, lector e, supoñemos, fanático da música: busca, investiga entre as
páxinas encadernadas que tes nas mans, remexe entre todo o que o autor
rescatou para ti. E, se sentes que despois de ler algún dos parágrafos
aquí escritos, tes que escoitar por primeira vez ou recuperar algo do
que aquí se fala, entón daremos por bo todo o libro". Xavier Valiño
prologa con palabras coma estas o libro 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, de Fernando Fernández Rego, -administrador da web musical Lafonoteca-, que acaba de editar Toxosoutos.

A
obra, sobre a que corre xa bastante ruxerruxe por internet,
presentarase o vindeiro 11 de xuño ás 20:00 horas no Pazo das Musas, en
Compostela, -fronte ao Retablo-, cun concerto de Noise Project, segundo
anuncia na súa web Lafonoteca.net, unha base de datos na rede creada co
obxectivo de divulgar a música española, e alicerce deste libro.
"Chegado o momento actual, en pleno 2010, considero que é necesario
revisar a escena musical galega. Atrás quedan os tempos nos que o rock
era algo exótico e era difícil atopar referentes por estas terras
celtas". (...). "Hoxe en día, e coa perspectiva que permite o paso do
tempo, podemos afirmar sen pudor que a música popular goza dunha
espléndida saúde en Galicia", reflexiona o autor na introdución da
obra.

Así, 50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega achega
reseñas sobre máis de 70 grupos da escena galega desde os anos 60 ata a
actualidade, con información xeral comentada polo autor sobre cada un,
a súa historia e a súa discografía, e fotos.

"Decidinme a facer
unha selección dos que considero son os principais grupos galegos de
pop e rock da historia". (...). "Centreime en recuperar aqueles grupos
que quizais non lograron a repercusión de deberan" (...), "así como
certas debilidades persoais, pois todos as temos", advirte Rego, sobre
as ausencias que os lectores poidan atopar. O volume é o resultado, tal
como apunta, dunha labor de recuperación de biografías e discografías
moitas veces "titánica", un traballo case de arqueoloxía, no que os
membros dos grupos colaboraron "escaneando portadas e mandando discos
imposibles de atopar".