Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Poesía Completa de Xosé Lois García


Autor:      La Voz de Lemos
22/09/2011

O escritor chantadino Xosé
Lois García presentará este mes en Monforte e Lugo un libro que
recolle a prática totalidade da súa obra poética. O libro acaba de ser
publicado pola editorial Toxosoutos en dous volumes que suman en total
735 páxinas. A primeira destas presentacións levarase a cabo o día 14
na galería Sargadelos de Lugo ás oito da tarde. En Monforte a obra será
presentada o 18 co mesmo horario, tamén na galería Sargadelos.
Previamente, o día 11, haberá outra presentación na librería Couceiro
de Santiago, igualmente ás oito da tarde,

A
obra recolle integramente 22 poemarios publicados por García entre
1972 e o 2009, desde Cancioneiro de Pero Bernal ata Poemas
pornofálicos. A edición non inclúe outro libro de poemas, Petroglifia,
dedicado aos gravados rupestres de Sober e publicado pola mesma
editorial a finais do ano pasado. Esta obra, xunto con outros poemarios
que o autor publique eventualmente a partir de agora, será incluída
máis adiante nin terceiro volumen.

A
edición recupera os prefacios redactados orixinalmente para algunhas
destas obras polos escritores galegos Manuel María, Uxío Novoneyra,
Basilio Losada, Xosé Luís Axeitos e Vicente Araguas, os portugueses
Vergílio Alberto Vieira e Maria João Reynaud e o brasileiro Andytias
Soares de Moura. O conxunto está encabezado por un extenso estudo sobre
a obra poética de García a cargo do escritor e crítico quirogués
Camilo Gómez Torres.

En tres idiomas

A
maior parte da poesía de Xosé Lois García, como o resto da súa
produción literaria -que ademais comprende obras ensaísticas,
narrativas e teatrais e varias antoloxías e traducións- está escrita en
galego, pero o autor chantadino tamén publicou en portugués os libros
Labirinto incendiado, Sambizanga e África em sinfonia solar, que
figuran igualmente nesta edición. O uso literario desta lingua está
relacionado co intenso labor desenvolvido polo escritor chantadino como
estudoso e divulgador das literaturas de expresión portuguesa.

A
edición recolle por outro lado o único poemario publicado ata agora
por García en catalán, Cruïlles de Sant Andreu de la Barca. O escritor,
que reside desde hai moitos anos en Cataluña, publicou tamén numerosos
estudos en catalán sobre a historia do municipio barcelonés de Sant
Andreu de la Barca, onde é responsable do arquivo histórico local.