Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

Narrativa mortal


Autor:      Armando Requeixo
01/07/2011

Con 1980 (ano cero) o vigués Rubén Martínez Alonso bota a andar polos intricados vieiros da narrativa galega.

A de Martínez Alonso é novela
psicolóxica de moito lastre, cargueiros enteiros de reflexións sobre a
vida e a morte —principalmente a morte—, sobre o sentido da existencia
e, antes de cousa ningunha, sobre o suicidio, verdadeira trabe mestra da
historia que se presenta.


O mozo protagonista, recluído nun
psiquiátrico, pasa revista aos feitos traumáticos que pexaron os seus
días, á infancia de abafantes clases de natación e os (des)amores
xuvenís, un tempo que se sente asemade arredado e próximo.


E velaí outra das pretensións da novela,
a procura dun non lugar e un non tempo ou, se se quer mellor, unha
intersección atemporal e atópica de eternidade deslocalizada, alucinada
obsesión do doído protagonista.


Tripando motivos e recursos abondo
coñecidos, a escrita de Rubén Martínez Alonso convida á introspección
epifánica e a iluminación polo pensamento, tantas veces lindeiro coa
loucura.