Na entrega de premios anuais que a  
Asociación Galega de Editores celebrou hai uns meses na cidade de Lugo  
un dos editores que recibiron unha merecida homenaxe foi, precisamente, o
  autor desta peza teatral, inédita ata agora, e que Toxosoutos edita na
  súa colección A esmorga-Teatro; á que xunta, por certo, a publicación 
d´O espantallo, con ilustracións de Pepe Carreiro.
 Nesta liña de perseverar na lembranza de Agrelo O triángulo escaleno
   prológase, ademais, por dúas voces que afondan nalgunhas dimensións  
destacables tanto do propio autor como da súa obra teatral en xeral e  
desta peza en particular.
          O
 primeiro limiar vén da man de  Xerardo Agrafoxo, que subliña o papel 
que desempeñou Agrelo como  iniciador dunha aventura teatral propia 
baixo o nome de “Grupo de Teatro  Candea”, realizando asemade un 
seguimento das intencións do mesmo e das  pezas estreadas, tendo en 
conta o contexto social e político  desfavorable no que esta se xestou e
 desenvolveu, remarcando globalmente  os trazos definitorios das pezas 
levadas a escena como foron a súa  sinxeleza, a nada oculta mensaxe 
política e a firme defensa do idioma  galego.
 
         Pola súa parte, Euloxio R.  Ruibal, para quen Agrelo foi un 
“completo home de teatro” na súas  facetas de director, intérprete, 
promotor e autor, analiza polo miúdo as  pezas teatrais coñecidas ata 
hoxe como son Noite de lobos, Metá e metá, O mestre, aqueloutras que 
incardina no ámbito do teatro infantil e, loxicamente, os trazos 
caracterizadores da presente O triángulo escaleno.
Unha
 lectura da peza edita desvela axiña  as claves da peza como son o 
asunto temático inclinado cara ás  vertentes das relacións amorosas e 
sentimentais, expostas de xeito  desinhibido e sen tabús,  a intensa 
carga irónica nas situacións  descritas, a superación de tópicos ou 
preconceptos e, ao tempo, os  límites da liberdade individual e 
colectiva. Por outro lado, a  verosimilitude das situacións expostas a 
carón da innegable fluidez  dialogal que domina esta achega, teño para 
min, resultan algúns dos  aspectos máis conseguidos da obra 
merecidamente rescatada e que pon a  figura do seu autor, de novo, de 
actualidade.