Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Listado de novas:


Dende 193 até 198 de 201 elementos



<< Anterior 1 ... 25 26 27 28 29 30 31 32 3334     Seguinte >>


Ver noticia

Xoán Fuentes presentou o seu último libro “O cuadrilatero”


Autor:      TODOGROVE
10/04/2010

A editorial Toxosoutos e a Concellería de Cultura presentaron a última obra do escritor grovense Xoán Fuentes Castro, O cuadrilátero. No acto, que tivo lugar esta tarde de venres na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, participaron ademais do autor, o director da editorial, David González, o escritor Ramón Caride e o concelleiro de Cultura, Antón Mascato.

Xoán Fuentes Castro é un autor de longa traxectoria literaria, na que salientan outros títulos como Na fronteira ou O pescador de cana, nos que permanece fiel a un estilo marcado pola rigorosidade formal e conceptual que se sustenta na pulcritude do léxico e na correción das estruturas gramaticais. Especialista en pensamento e lexicografía,é autor dunha sólida obra literaria e ensaística que ten sido recoñecida en diversos foros.

Unhas sesenta persoas asistiron ao evento desta tarde no que intervintes que acompañaron ao autor fixeron amplas loubanas da súa persoa e desta súa cuarta novela.

Veciño de San Vicente

Nacido na parroquia de San Vicente, antes de ser profesor nun centro educativo fora de Galicia, foi animador de diversas iniciativas culturais e sociais da súa parroquia: Sociedade deportiva Amanecer, Coral Boca da Ría, celebracións do Entroido, ou mesmo teatro, entre moitas outras que lle reportan o recoñecemento dos seus veciños.

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

O venres 9 de abril preséntase a última novela de Xoán Fuentes


Autor:      Toxosoutos
09/04/2010

Xoán Fuentes Castro vive en San Vicente do Grove onde naceu o ano 1932. Aos 11 anos, díxolle abur á aldea coa que, porén, sempre mantivo unha relación afectiva. Estudiou Filosofía en Madrid, disciplina que abandonou para licenciarse en Xermánicas. Os clásicos, sobre todo, Virxilio, Lucrecio, Tácito, deixaron nel a saudade dunha Idade de Ouro na que os seres humanos eran verdadeiros fillos da luz. Percorreu varios países europeos, sempre atraído polo baleiro que deixaba a súa estrela. Aínda hoxe, asentado na súa terra natal, segue a perseguir o ronsel dese astro e espera ilusionado non alcanzalo nunca, non ter que verlle o rostro nunca. Dese xeito, a viaxe sempre terá sentido.

 

Todo o mundo agarda. O cuadrilátero é o reino da espera. Todos os que alí moran naceron para esperar. Mesmo a autoridade, que nunca se deixa ver, agarda. Calar e agardar, eis a consigna. E, como o silencio é bo aliado da espera, alí todos os habitantes viven na densidade do silencio.

O cuadrilátero é un concepto entre xeométrico e dramático. Como figura xeométrica, o cuadrilátero é algo limitado, un espazo entre catro lados. Como marco dramático, pode acoller toda a soidade, todo o empuxe, todo o devalo do ser humano. Baixo o sol non só é todo vello, senón que mesmo o que ha de vir non é máis que un “xa foi”. Só os corazóns humanos poden extraer do caduco vida, auga clara, horizontes aínda descoñecidos... Mellor, só os corazóns humanos o poden intentar.

 Ninguén é dono de nada no cuadrilátero. A árbore das nocións apenas ten follas naquela estraña fraga. Para que? Ter, posuír, usar, rir, amar, odiar... Inventos  de cordos na corda frouxa da demencia. Ar, unha raiola de luz, un lugar, unhas proteínas..., eis o paraíso perdido. Perdido? Quen coñeceu algunha vez o paraíso? Quen pode botar de menos o que non coñece? As idades dos paraísos coméronas hai tempo os crocodilos e os crocodilos venderon a pel para que luza en fermosos corpos e en rechamantes pacotillas.

“O cuadrilátero non é máis que un conto”, din en ton conmiserativo os eternos construtores de cuadriláteros. “A que veñen a estas alturas”, engaden, “esas sinistras colonias cando hoxe, como é evidente, todos entoamos himnos e salmos á liberdade? Por fin, despois de tanto agardar, agora sabemos que o mundo, igual que calquera tren que se prece, vai a algunha parte.” A gargallada que estoura no cuadrilátero non se apagará en tanto respire o seu último habitante.

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

Toxosoutos entrega os Premios de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2009


Autor:      Javier Romero
09/04/2010

A casa da cultura de Muros acollerá mañá ás 13.00 horas a entrega do Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009, organizado pola Fundación Comarcal de Noia e Muros, o Concello muradán e a editorial Toxosoutos, da que David González Couso é director dende hai un ano. O gañador coa obra A casa de Soutomaior, Suso Vila, estará acompañado polo tamén finalista Ernesto Iglesias, autor de As moedas medievais galegas.

-¿Cal é a valoración das obras premiadas?

-No caso do primeiro premio hai claramente unha labor de documentación, análise e transcrición de documentos que botan luz sobre o período baixomedieval no que a casa de Soutomaior adquire gran protagonismo. Respecto do finalista, o tema resulta sumamente curioso porque non abondan os estudos sobre numismática galega. Moi rigorosamente tratado, ensaríllanse numerosos temas sobre as moedas dende a orixe do concepto e o nome ata a traxectoria histórica na que transcorre o seu uso.

-¿Resultou difícil elixir as obras entre o resto de títulos presentados?

-Imaxino que cada membro do xurado terá formulado moitas veces se actúa de xeito xusto, aínda que o establecemento dos criterios non deixe moita marxe, está claro que moitas veces prima algunha cuestión de gusto persoal ou afinidade investigadora, pero sen dúbida, a posta en común e o debate entre os membros que xulgan as obras da un resultado que afina cara a decisión máis xusta.

-¿Considera que o premio está recoñecido a nivel autonómico?

-Non todo o que debería, pola contía económica, pero tamén porque o premio de historia medieval ten boa acollida na universidade, ademais dos seus vencellos con historiadores ben recoñecidos. Penso que é das poucas apostas editoriais que mostran a evolución da historia local á universal, indispensable a primeira para a existencia da segunda.

-¿Que difusión e utilidade terán os libros premiados?

-A súa publicación e presentación como algo inmediato e, por outra parte, a posibilidade de que os seus autores estean avalados por un premio así introdúceos nun ámbito académico de xeito relevante. En canto á utilidade, dedúcese do que levo dito que estes traballos constitúen unha ferramenta para os estudosos do mundo medieval, xa que constitúen chanzos que completan a visión da historia de Galiza e Portugal e das súas achegas.

-¿Cales son os actuais valores de Toxosoutos?

-Fundamentalmente as coleccións Keltia e Trivium, as apostas por novos creadores en narrativa, poesía e ensaio. Ademais inauguramos en breve unha nova colección, denominada Esmorga que pretende achegar ao ámbito escolar textos de grandes autores precedidos dun estudo rigoroso da man de especialistas. Os autores cos que abriremos a nova serie son Euloxio Ruibal e Claudio Rodríguez.

-¿Con que título se quedaría da editorial?

-O libro Uxío Novoneyra. Home e terra, de Xosé Lois García e prologado por Uxío Novoneyra Rei, con textos e imaxes inéditas do autor do Courel.

-¿Cal é a súa opinión sobre a política editorial da Xunta?

-O único que podo dicir é que o libro e, en xeral, o mundo da cultura soe cargar con problemas que lle son alleos. As compras vense recortadas, é certo, polo demais hai que sinalar que a política cultural está por definir.

-¿Chegan as axudas anunciadas con motivo do Ano do Libro?

-Reitero que aínda está por ver cal será a repercusión que vai ter o Ano do Libro en Galicia.

[...]
      Ler máis...

De moedas e nobreza galega


Autor:      Javier Romero
04/04/2010

Tendo como referencia a Idade Media, e como temas localizados nesta época a numismática acuñada en Galicia e a dinastía de Soutomaior, os autores Suso Vila e Ernesto Iglesias serán premiados o sábado en Muros co premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009.

Vila coa obra A mecánica da linaxe no espazo medieval galego; a casa de Soutomaior, conseguiu o primeiro posto nesta novena edición, que do mesmo xeito que as anteriores está promovida pola fundación Ría de Muros-Noia e a editorial Toxosoutos. O xurado do certame, integrado ?por Carlos Barros, Xerardo Agrafoxo, Xosé Andrade, Pedro García e Enrique Monteagudo, con David González como secretario, considerou que a obra agasallada vén encher o baleiro existente na historia medieval de Galicia no estudo da importante casa nobiliaria de Soutomaior, achegando nova documentación e enfoques renovadores no campo das mentalidades.

Nesta ocasión, tamén se outorga un segundo premio, coa consideración de finalista, á obra que leva por título As moedas medievais galegas; a circulación monetaria en Galicia ata o século XV, da que é autor Ernesto Iglesias Almeida. Neste traballo histórico investígase a numismática medieval galega dun xeito novo, relacionando as moedas xa coñecidas coa documentación da época.

Os Soutomaior

Para o autor do estudo, Suso Vila, os Soutomaior concitan estereotipos do que foi a Idade Media galega. Un exemplo son os testemuños que se recollen dos seus biógrafos, os cales mostran unha imaxe chea de violencia e traizón, froito do seu carácter político e relixioso. O estudo se acerca de xeito xeral ao protagonismo social e económico que os diferentes membros que esta familia tiveron entre 1147 e 1532. Unha liñaxe no que destaca pola súa influencia Pedro Madruga, personaxe que ao analizar a súa personalidade e mentalidade familiar obtense o trazo das estratexias familiares da época.

A publicación editada por Toxosoutos pretende erradicar na medida do posible erros interpretativos, ademais de fixar a diferenza entre a realidade e a ficción achega do mito creado sobre os Soutomaior.

A numismática galega

A obra finalista de Ernesto Iglesias realiza un percorrido tanto polas moedas atopadas en Galicia durante a Idade Media como por aquelas que foron acuñadas en Lugo, Tui ou A Coruña, empezando polas púnicas descubertas a mediados do século XIX e terminando nas dos Reis Católicos.

O estudo non descarta no seu contido as moedas portuguesas, de moita circulación no medievo sobre todo no sur de Galicia, así como as acuñadas por orde do monarca Fernando I tras invadir en 1370 o territorio galego. O estudo complétase coas mencións referidas ao valor do trueque ou denominacións máis frecuentes.

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

MEDRA A XERACIÓN BARBANTIA


Autor:      MONCHO ARES
28/03/2010

Recentemente bautizada a Xeración Barbantia, na sede da Estación Leña Verde de Boiro púxose de manifesto o venres que o movemento cultural nado ao amparo da asociación que preside Antón Riveiro Coello segue a dar froitos en forma de mozos valores. Desta foi, precisamente, unha das fundadoras do colectivo, Milagros Torrado Cespón, que deu a coñecer O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illa Británicas e Galiza , que se presentou na citada instalación ante moitísimo público.

Abriu as intervencións Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia, quen explicou como coñeceu a Milagros Torrado coa que mantén unha gran amizade, para ceder a palabra a David González, director de publicacións de Toxosoutos, quen dixo que a obra está incluída na Serie Keltia porque os obxectivos desta, desde a súa fundación, son a reconstrución e recuperación da identidade galega a través das tradicións, lendas e costumes.

Condicións

O catedrático de Historia e Cultura Inglesas da Facultade de Filoloxía da USC Fernando Alonso Romero, á súa vez titor da autora, explicou que tivera a oportunidade de seguir o traballo de investigación da súa alumna, pois hai anos que a coñece e xa sabía que tiña condicións para o estudo e a investigación. Asegurou que facela obra non foi unha tarefa fácil porque Milagros Torrado tivo que empregar moitos días na recompilación de datos: «Hoy sale a la luz en su propia tierra, y es para mí una fascinación como profesor y colega, porque Milagros ya forma parte de nuestro departamento». O libro está centrado no mal de ollo «una tradición que no es exclusivamente gallega porque tiene sus equivalencias en Escocia e Inglaterra, con los que compartimos muchos aspectos culturales».

A autora, Milagros Torrado, fixo un repaso pola obra, desvelando algúns dos seus contidos, así como a súa estrutura interior. Asegurou que o día que lle chegou o libro ás súas mans acariñouno e exclamou que era o seu meniño. Tamén confesou que algunha xente estrañouse de que investigara o mal de ollo, pero ela animouse a seguir na súa inquietude de non deixar que morran as tradicións galegas.

Pechou as intervencións Xosé Deira, alcalde de Boiro. En primeiro lugar, destacou o papel de Toxosoutos, editorial que apoia sen reservas aos creadores barbanceses, e logo subliñou o mérito de Milagros Torrado que coa súa obra estaba a conseguir poñer sobre papel tradicións galegas que deste xeito non morrerán. Deira dixo que era un libro moi traballado, falou da envexa á que se atribúe o mal de ollo, como unha consecuencia do afán de superación das persoas e de que, hoxe en día, que hai tanta tecnificación, cada vez hai máis xente que acude a métodos tradicionais para resolver problemas. Sobre Milagros Torrado, o alcalde rematou dicindo: «A xuventude non só merece oportunidades senón tamén que a escoitemos para saber quen son». A actuación das cantareiras de Lumieira abriu e pechou o acto.

[...]
      Ler máis...
Ver noticia

LIBRO LETRAS GALEGAS 2010


Autor:      TOXOSOUTOS
22/03/2010

Toxosoutos lanza o libro Uxío Novoneyra. Home e terra, con textos e imaxes inéditas do poeta
[...]
      Ler máis...