:
Poesía Completa de Xosé Lois García
: La Voz de Lemos 22/09/2011
|
O escritor chantadino Xosé
Lois García presentará este mes en Monforte e Lugo un libro que
recolle a prática totalidade da súa obra poética. O libro acaba de ser
publicado pola editorial Toxosoutos en dous volumes que suman en total
735 páxinas. A primeira destas presentacións levarase a cabo o día 14
na galería Sargadelos de Lugo ás oito da tarde. En Monforte a obra será
presentada o 18 co mesmo horario, tamén na galería Sargadelos.
Previamente, o día 11, haberá outra presentación na librería Couceiro
de Santiago, igualmente ás oito da tarde, A
obra recolle integramente 22 poemarios publicados por García entre
1972 e o 2009, desde Cancioneiro de Pero Bernal ata Poemas
pornofálicos. A edición non inclúe outro libro de poemas, Petroglifia,
dedicado aos gravados rupestres de Sober e publicado pola mesma
editorial a finais do ano pasado. Esta obra, xunto con outros poemarios
que o autor publique eventualmente a partir de agora, será incluída
máis adiante nin terceiro volumen. A
edición recupera os prefacios redactados orixinalmente para algunhas
destas obras polos escritores galegos Manuel María, Uxío Novoneyra,
Basilio Losada, Xosé Luís Axeitos e Vicente Araguas, os portugueses
Vergílio Alberto Vieira e Maria João Reynaud e o brasileiro Andytias
Soares de Moura. O conxunto está encabezado por un extenso estudo sobre
a obra poética de García a cargo do escritor e crítico quirogués
Camilo Gómez Torres. En tres idiomas A
maior parte da poesía de Xosé Lois García, como o resto da súa
produción literaria -que ademais comprende obras ensaísticas,
narrativas e teatrais e varias antoloxías e traducións- está escrita en
galego, pero o autor chantadino tamén publicou en portugués os libros
Labirinto incendiado, Sambizanga e África em sinfonia solar, que
figuran igualmente nesta edición. O uso literario desta lingua está
relacionado co intenso labor desenvolvido polo escritor chantadino como
estudoso e divulgador das literaturas de expresión portuguesa. A
edición recolle por outro lado o único poemario publicado ata agora
por García en catalán, Cruïlles de Sant Andreu de la Barca. O escritor,
que reside desde hai moitos anos en Cataluña, publicou tamén numerosos
estudos en catalán sobre a historia do municipio barcelonés de Sant
Andreu de la Barca, onde é responsable do arquivo histórico local.
[...]
|
...
|
|
Derradeiras horas de Juana Capdevielle
: Armando Requeixo 09/09/2011
|
A morte de Juana Capdevielle aconteceu de xeito tan agónico e brutal
que o puro relato documental da mesma constitúe xa de por si, sen
aditamento ningún de ficción, unha verdadeira traxedia. Nada máis
esperable, pois, que alguén, algún día, se decidise por converter aquel
tristísimo episodio nunha novela. Iso debeu pensar Vicente Piñeiro González, autor da recente Asasinos, asasinos, asasinos!, onde con nobre empeño narra as dúas últimas horas de vida da intelectual republicana. Juana
Capdevielle, muller que fora de Francisco Pérez Carballo (gobernador
civil republicano da Coruña, a quen mataron os fascistas sublevados),
resultou pronto persoa non grata para as novas autoridades
profranquistas, quen vían nela unha dobre mácula: ser viúva de quen era
e profesar como intelectual liberal e republicana de prestixio. O
asasinato perpetrado contra ela adquiriu, sen dúbida, carácter de
vendetta exemplarizante: apresada na Coruña, foi levada en auto durante
case un cento de quilómetros para ser tiroteada nunha gabia de Rábade,
vila próxima á capital lucense, onde ficou sen vida e —extrema
iniquidade— sen poder chegar a dála, pois ía encinta. Asasinato tan inhumano é o que Vicente Piñeiro quixo recrear a través do seu monólogo Asasinos, asasinos, asasinos!,
pois esas dúas derradeiras horas en coche e a lembranza que da súa
vida e circunstancias puido chegar a facer nelas Juana Capdevielle é o
que conforma a cerna narrativa deste libro, que conta, amais, cun amplo
capítulo introdutorio de carácter ensaístico asinado polo propio
autor. O valor desta obra cómpre
procuralo non tanto nos posibles acertos literarios coma na admirable
recreación dun suceso que merecía gardarse, tamén si, como memoria
ficcionada. Por iso, que en Asasinos, asasinos, asasinos!
poida máis o pulo historicista do docudrama non impide recoñecer nel o
acerto de recuperar e reactualizar para as novas xeracións unha
historia que clamaba por ser rescatada do esquecemento. Benia
a Vicente Piñeiro e aos seus editores noieses de Toxosoutos, pois
libros como este recórdannos que a literatura, amais de para outro
milleiro de cousas, tamén serve para manter aceso o facho da dignidade
humana.
[...]
|
...
|
|
Novidades outono 2011
: La Voz de Galicia 29/08/2011
|
O outono é tempo de recuperar clásicos da literatura galega e internacional, como fan as traducións de A tribuna, de Emilia Pardo Bazán (Toxosoutos); a historia da boa Crictor, de Tomi Ugerer (Kalandraka); os célebres Contos por teléfono, de Gianni Rodari (Kalandraka); ou Rip Van Winkle, de Washington Irving (Toxosoutos).
[...]
|
...
|
|
A espiral narrativa de Claudio Rodríguez Fer
: Armando Requeixo 21/08/2011
|
Non é a primeira vez que chamo a atención sobre ese pernicioso hábito
adquirido de etiquetar os autores non polo conxunto da súa produción,
senón unicamente por aquela faceta que, polo motivo que sexa, os fixo
máis coñecidos. Este feito, contrario á
xusta ponderación, é o que explica que asociemos decote o nome de
Claudio Rodríguez Fer ao da mellor poesía galega das últimas décadas ou
ao da máis alta investigación literaria e que se nos faga estraño velo
asociado ao da narrativa, por exemplo. E o caso é que o de Lugo é narrador dende hai corenta anos. Demóstrao o seu último libro publicado, Contos e descontos, no que reúne toda a súa narrativa completa édita e inédita. En
efecto, neste volume figuran compilados relatos escritos por Rodríguez
Fer na mocidade e que aínda non viran luz, como os agrupados baixo o
título común de Prometeo adolescente (1972-1976), ademais dos dous libros de contos Meta-relatos (1988) e Os paraísos eróticos (2010) e mais o apéndice O neno que non quería ir á guerra. Recordos dun neno da posguerra (2010), que tamén achega tres novas historias descoñecidas ata o de agora. Por
xunto, toda esta obra supera longamente os tres centos de páxinas e,
en non poucos casos, inclúe prosas de calidade contrastada que foron
mesmo escolmadas nas máis prestixiosas antoloxías do xénero. Por tanto,
cómpre ir desterrando esa idea reducionista do Rodríguez Fer poeta e
mais nada que tan adoito circulou. Canto aos relatos deste Contos e descontos
evidencian moi distintas apostas tanto no seu contido coma na súa
técnica, o que non debería de estrañar a ninguén se se pensa que algúns
foron escritos por un rapazolo de apenas dezaseis anos e outros son
obra madura dun autor consagrado. Así, mentres as historias de Prometeo adolescente
son textos de tecido máis inxel, imbuídos de simbolismos moi patentes e
referentes de maior calado efectista (coas sombras de Poe, Lovecraft,
Cortázar ou Borges pairando ao fondo), os contos de Meta-relatos ou Os paraísos eróticos
demostran unha mestría na depuración, no xogo metaliterario e na
destreza da pulsión erótica como asunto principal que, xaora, aínda non
existía tan notoriamente nos relatos primeiros. De igual maneira, a enluvada acomodación á voz dun neno narrador protagonista nas historias que contén O neno que non quería ir á guerra
conseguen un aparente naïf tras do que se agocha unha moi elaborada
crítica social, de calado moral indubidable e iluminador cuestionamento
da nefasta deriva na que se instalou o Poder en épocas recentes. A visita a estes Contos e descontos,
por tanto, ofrecerá a quen ler “Pre-relatos” de estirpe visionaria e
fundacional, creacións cósmicas e metamorfoseadoras no “Ciclo de Ión”,
contos de compromiso certo e estética sinalada en “Entre a pavura e a
revolución” e unha reveladora ollada aos tempos do último franquismo en
“Eu teño un canciño”, “A vaca con zocas” ou “A republiquiña dos
animais”. Se ao anterior sumamos os “Logaritmos” literarios, a “Fábula
fauna” simbólica e a transgresión en “Flérida floresta” de Meta-relatos
ou a transmigración anímica das “Belas e bestas”, o eros sen mesura
das “Entregas” ou o tríade iniciático de “Tres” do amentado Os paraísos eróticos
teremos como resultado un volume plural nos seus vieiros máis unívoco
na calidade que os preside, por forza polimorfo e espiral nas súas
concrecións ao longo do tempo, mais sempre reivindicador da intensidade e
a entremestura indisoluble de vida e literatura, escrita e ser, como
arkhés vitais irrenunciables. [Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 21-8-2011]
[...]
|
...
|
|
|
|