- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

O IES OTERO PEDRAYO DE OURENSE ACOLLE A PRESENTACIÓN DO LIBRO O FIO DA ESCRITURA


:      Tempo de lecer
19/03/2011

O Paraninfo do Instituto de Educación Secundaria
Otero Pedrayo de Ourense acolleu o venres, día 18 de marzo, o acto de
presentación do libro O fío da escritura, editado por
Toxosoutos e do que é autor o filólogo ourensán David González Couso. No
transcurso do acto levouse a cabo tamén a clausura dos I Encontros da Serie Esmorga, unhas
citas literarias promovidas por Toxosoutos que se desenvolveron en
diferentes lugares de Galicia co obxectivo do lanzamento dunha nova
colección da editorial, a Serie Esmorga.

O fío da escritura é
un traballo de investigación que amosa o labor cultural dos Gaite na
Galicia do século XIX e comezos do século XX. O seu autor, David
González Couso, explicou que este é xa o cuarto libro que escribe sobre
esta temática, ademais doutros sete artigos en revistas de literatura e
subliñou que o obxectivo da publicación é dobre. “Por unha banda quero
pechar o meu ciclo de investigacións sobre a familia Gaite e, pola
outra, quero por de manifesto a importancia das súas contribucións ao
Ourense dos séculos XIX e XX”. O libro inclúe as pescudas sobre
personaxes como os irmáns Antonio e Joaquín Gaite Núñez -bisavó da
autora-, vencellados ao ensino ou ao xornalismo e facsímiles escritos
por estas figuras, moitos deles inéditos.

As vivencias de Carmen Martín Gaite en Ourense

O
poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, autor do limiar da obra, falou
no acto para facer un percorrido polos grandes escritores ourensáns ou
vinculados a Ourense e para situar neste contexto a Carmen Martín
Gaite. Segundo as súas palabras, “o libro de David permítenos tirar da
ourensanía para situar nela a Carmen Martín Gaite, partindo da base de
que as vivencias infantís e xuvenís da narradora en Ourense tiveron
moita importancia na elaboración de toda a súa obra”.

No
acto interviron tamén Luís Fernández, director do IES Otero Pedrayo, a
onde pertence o arquivo no que David González fixo boa parte das súas
pescudas para escribir o libro e a filóloga María do Carmo Henríquez,
que subliñou o traballo do escritor. “David ven de realizar un labor
meritorio e máis nunha sociedade onde trunfa a mediocridade e onde está
de moda o vulgar. Dignificar a literatura, os escritores e a lingua é
un traballo que hai que facer con seriedade e rigor”, declarou.

Clausura dos I Encontros da Serie Esmorga

O acto de presentación do libro O fío da escritura serviu tamén para clausurar os I Encontros da Serie Esmorga, unha
iniciativa literaria promovida pola editorial Toxosoutos –da que David
González é director de publicacións- co gallo da posta en marcha da
súa nova colección: Serie Esmorga. A iniciativa ten por obxectivo a divulgación de grandes obras clásicas en edición bilingüe e de traballos da literatura galega.

O
Consello Asesor desta nova colección está formado polos escritores
Ramón Caride Ogando, Xerardo Méndez, Francisco X. Fernández Naval e
Jorge Emilio Bóveda, que subliñaron no acto de clausura dos encontros a
importancia desta nova colección e a súa implicación no seu
desenvolvemento. Nesta liña, Fernández Naval dixo sentirse “moi
orgulloso desta colección como ourensán”; Xerardo Méndez subliñou o
poder da literatura como “ese espello no que nos temos que mirar para
non asustarnos da realidade” e Jorge Emilio Bóveda puxo de manifesto o
papel que cumpre a nova serie no tocante á normalización da lingua
galega.




<<       > <