- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

«Sobre a terra do Courel aínda hai moitas cousas que escribir»


:      Francisco Albo
09/02/2011


Jesús Alfonso Parada Jato, natural da parroquia
courelá de Meiraos, presentará o día 15 en Lugo -na librería Trama, ás
20 horas- o seu libro Lembranzas do Courel, unha continuación da súa primeira obra, Usos, costumes e cousas do Courel, publicada no 2007 pola editorial Toxosoutos e actualmente esgotada.


-¿Que diferenzas hai entre este novo libro e o precedente?


-Esta obra é algo menos extensa -ten 234 páxinas- e
segue unha óptica máis persoal que a anterior, na que me limitaba a
describir as cousas dunha forma obxectiva, sen dar as miñas opinións. O
marco xeográfico é máis amplo, porque falo tamén dalgúns territorios
limítrofes que teñen moitas semellanzas co Courel, como os municipios de
Quiroga, A Pobra do Brollón, Samos, O Cebreiro e algunhas localidades
da provincia de León. Os contidos son similares: contos populares,
cantigas, costumes, práticas agrícolas tradicionais, anacos de historia
local... A maior parte do libro está recollida da tradición oral e son
materiais que non puiden incluír na miña primeira obra.


-¿Pensa publicar máis traballos deste tipo?


-Si, porque sobre a terra do Courel aínda hai
moitas cousas que escribir. Sigo recollendo as historias, as anécdotas e
os costumes que recorda a xente maior e aínda faltan moitas aldeas por
visitar na serra e nos seus arredores. Teño en proxecto continuar esta
serie con outro libro, pero aínda non sei cando o poderei terminar.


-A estas alturas do século XXI, a recollida da tradición oral xa non poderá demorarse moito...


-Non, hai que darse certa presa para recoller todas
estas tradicións culturais antes de que se perdan para sempre, porque
cada vez son menos os veciños que recordan as cousas de antano. Desde
que publiquei o primeiro libro xa faleceron unhas quince persoas que
sabían moito destas cousas e que me proporcionaron moitas informacións.


-¿Ten outras publicacións en mente?


-Teño pensado elaborar un diccionario da fala
popular do Courel en colaboración con outra autora, María Moure, e xa
recollemos moito material lexicográfico con esta idea. A ver cando temos
tempo para ordenalo e darlle forma... Por outro lado, no próximo outono
espero publicar a tradución ao castelán do meu primeiro poemario, A cor das uces,
que apareceu no 2008. E para esta primavera está previsto editar unha
antoloxía de poesía sentimentalista na que participo eu xunto co
escritor lucense Xesús Manuel Valcárcel e outros cinco autores que
pertencen a esta corrente.


jesús alfonso parada escritor





<<       > <