- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

"En defensa do poleiro"


:      Vanesa Oliveira
20/10/2010

Máis de sesenta escritores poñen a súa creatividade ao servizo da solidariedade no volume colectivo En defensa do poleiro,
nome que recibe o claustro do mosteiro de Celanova onde está localizado
o actual instituto da vila, que se quere converter nun parador de
turismo. A Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova,
en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG),
presentará mañá ás 20:00 horas o volume, que edita Toxosoutos, na
Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. No acto estará
presente o seu coordinador, Xoán Carlos Domínguez Alberte, xunto cos
autores do contorno coruñés que participan na iniciativa: Olga Patiño,
Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco
X. Fernández Naval. Ademais, tamén se exporán e poranse á venda as
ilustracións da pintora Mané Boán que inclúe o libro mais proxectarase o
documental O IESplicable, elaborado pola Plataforma, sobre a importancia do instituto de Celanova.


O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez e a secretaria da Asociación,
Mercedes Queixas asinan o prólogo do libro, que se xestou en só catro
meses. Xoán Carlos Domínguez Alberte salienta que esta obra nace como
"unha necesidade de facer fronte a un acto de barbarie por parte dos
poderes públicos que pretenden expropiar un ben do patrimonio galego, a
parte dedicada ó instituto, con fins especulativos". De feito, a semana
pasada a Plataforma protestou diante do Parlamento e pouco despois, o
parlamentario nacionalista Alfredo Suárez Canal pedía explicacións na
Cámara galega sobre a intención de trasladar o instituto a un novo
centro de ensino cuxas obras aínda non comezaron.

"As razóns que
lle deron dende Educación é que o instituto ten goteiras ou barreiras
arquitectónicas. Iso é falso. O instituto é un dos mellor acondicionados
de Galicia, en canto a instalacións, equipamentos ou novas tecnoloxías.
E queremos que siga estando nun recinto, o do mosteiro, coñecido como
poleiro, que estivo secularmente dedicado á cultura galega", explica.

Marilar
Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo
Angueira, Xurxo Borrazás, Lino Braxe, Francisco Castro, Xavier Cordal,
Antón Cortizas, Lois Diéguez, Alfonso Eiré, Bieito Iglesias, Alberto
Lema, Mario Regueira, Olga Novo ou Chus Pato achegan relatos e poemas
"orixinais e inéditos" que fan relación a este conflito que mantén
enfrontados os veciños co concello, que preside o popular Antonio
Mouriño.

"Para a construción dun novo centro de ensino
dedicáronse partidas ridículas. Están a vender unha cortina de fume. O
propio concello foi apropiarse duns terrenos que non lles pertencen",
apunta Domínguez Alberte.

Ademais, durante o acto proxectarase o documental O IESplicable,
un documental de vinte minutos no que os seus profesores contan a razón
de ser do instituto e a importancia que ten para Celanova a
localización do centro neste mosteiro. "Animamos á xente a coñecer o
intituto, xa que ten unha biblioteca impresionante, que alberga máis de
17.000 volumes. Dende o equipo educativo queríase que estivese aberto á
cidadanía, pero non se permitiu. Iso, co agravamento de que a biblioteca
pública está pechada", comenta Domínguez Alberte.




<<       > <