- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

«Escribir é unha forma de manifestar as preocupacións»


:      M. X. BLANCO
24/09/2010


Pouco
despois de presentar un ensaio sobre os ritos, o autor palmeirán ataca
de novo coa súa pluma, nesta ocasión coa novela «As deusas do
calvario»

Como
tantos outros afeccionados á literatura, Francisco Antonio Vidal
(1957, Palmeira) ve moi complicado vivir da arte de escribir, por iso
se dedica profesionalmente á electrónica. Sen embargo, ten escritos
unha ducia de libros, entre os que se atopan novelas, ensaios sobre a
figura de Manuel Murguía e investigacións de carácter etnográfico, un
eido que lle apaixona. O pasado mes de marzo, saía á luz a súa última
publicación, As deusas do calvario .

-¿Que se agocha detrás deste título?

-Estas
deusas veñen sendo un grupo de mulleres que teñen que enfrontarse a
todas as vicisitudes da vida, desde coidar a un home paralítico hasta
lidar cunha filla drogadicta. Son problemas que case sempre ten que
resolver a muller.

-¿Trátase entón dun conxunto de historias?

-Si,
é unha novela formada por retallos que hai que ir compoñendo e, ao
final, conséguese unha especie de retablo barroco. Son historias
individuais que se van mesturando.

-¿Pretende ser unha homenaxe ao colectivo feminino?

-Non
é que sexa unha homenaxe ás mulleres, senón máis ben á loita pola
vida. O que quero resaltar é que, ás veces, por moito que un faga, non
consegue as metas propostas. Non quero dicir que o final sempre teña
que ser o fracaso, xa que hai persoas que realmente chegan a triunfar.

-¿Elixe ás mulleres por algunha razón concreta?

-Cando
un escribe, ás veces, os personaxes chegan a dominarte pero, por riba
de todo, está a realidade. Neste sentido, quen soe atender aos
familiares enfermos ou aturar a unha filla rebelde é a muller. Iso é
unha realidade que non pode obviarse.

-¿Cales son para vostede os retallos máis destacados deste libro?

-Podería
destacar varios, por exemplo onde se define o amor mediante unha
fórmula matemática. Tamén como, desde o maltrato a unha gaivota, quedan
especificados os personaxes ou a definición do frío desde un cuartel.

-Esta
novela saíu á luz pouco despois da presentación dun ensaio sobre os
ritos e a fe, ¿que é máis complicado, escribir novelas ou obras de
investigación?

-Os
libros de investigación están dirixidos a un público moi concreto e
teñen que servir para achegarlle información nova ao lector, senón é
mellor non facelos. Isto implica un traballo intenso de mirar
bibliografías, percorrer lugares, falar con xente... Pero a novela
tamén implica moito esforzo. No caso de As deusas do calvario ,
eu decido poñerme con ela despois de ler dous libros e movo moita
información e publicacións diversas para ir creando os personaxes. Cada
obra, independentemente do xénero, require o seu traballo.

-Electrónico de profesión, escritor de vocación, ¿soa un pouco raro?

-Por
raro que pareza, eu xa fixen o bacharelato por letras e empecei a
escribir artigos cando tiña 19 anos. Á hora de pensar de que vou comer
todos os días, decanteime pola electrónica.

-¿O de escribir é entón unha afección?

-Escribir
é unha forma de manifestar as preocupacións que un ten, isto non quere
dicir que ao plasmalas nun papel se resolvan as preguntas, pero si
consegues enfocalas mellor.

-¿Que ten na mente nestes intres?

-Por
unha banda, estou pendente de organizar algún acto para presentar a
novela en Barbanza e, por outra, estou xa traballando en novas
historias. Sempre hai cousas pendentes, un nunca pode parar de
escribir.




<<       > <