- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Toxosoutos "cataloga" nun libro 50 anos de pop rock galego


:      Iago Martínez
23/06/2010

“Non quixen ser completista”, aclara
Fernando F. Rego ao outro lado do teléfono. “Non está todo, só unha
selección do máis significativo e o máis esquecido do pop rock galego
dende que o fundaron Los Tamara con Galicia terra nosa até a
actualidade. Simplemente para que a xente non pense que Los Contentos
ou Los Dramáticos son grupos inventados”. Leva razón o autor de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega
(Toxosoutos). Nun libro non cabe todo, así teña 400 páxinas e un dobre
CD. Fai ben en recoñecer que é “un pequeno catálogo e non unha
enciclopedia”. E con todo, vaille chegando ben.


A partir do seu traballo como administrador de www.lafonoteca.net,
onde leva máis dun cento de reseñas de discos españois, este ferrolán,
profesor de Química nun instituto de Tui, apañou nun libro as
discografías de 72 bandas, como el di, “con DNI galego ou con base de
operacións en Galicia”. Para entendernos: están Golpes Bajos, aínda que
Germán Coppini é cántabro, pero non Los Coyotes, malia a que Víctor
Coyote (antes Abundancia) non deixa de ser un tipo do Porriño.


O resultado de tanta arqueoloxía musical –“neste país non se conservan os masters
dos discos, todo se perde”, arrisca– é unha obra de consulta coa ficha
técnica, a portada e unha valoración “subxectiva” de case 300 discos
publicados entre 1962, cando Los Tamara fixeron as súas primeiras
gravacións, e 2009, o ano no que Emilio José lanzou o seu celebradísimo Chorando apréndese (Foehn Records). O manual estase a portar ben nas librarías. Tiráronse mil exemplares e en tres semanas xa se vendeu a metade.


Poden estar tranquilos na comisión de afectados. Fernando F. Rego
prepara xa unha segunda edición ampliada que podería estar lista para o
vindeiro outono. De momento, ten previsto reparar algunhas das
ausencias máis chamativas do libro. Xa ten aquelados os capítulos de
Nadadora, Samesugas, Los Sprinters, Miguel Costas, Silvia Superstar,
Papaqueixos, Iribarnes e Gharbanzo Neghro. Ao final serán vinte grupos
máis no catálogo.


Outras carencias de 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega
van ser máis difíciles de emendar. A segunda edición tampouco pretende
rebordar as estremas do título. Nin o folk nin a canción de autor, por
exemplo, entran dentro das prioridades do autor. Tampouco a
electrónica, agás cando fai parte do artefacto pop, nin o hip hop,
entendido como algo distinto do que fixeron Os Resentidos. “Escollín o
pop rock porque me parece a música máis olvidada, e non me vou poñer a
facer un libro sobre Voces Ceibes ou o folk, cousas que xa teñen a súa
propia bibliografía”.


O volume, prologado polo crítico Xavier Valiño, complétase con
textos dispersos do autor e outros do xornalista Xosé Manuel Pereiro
–ex líder de Radio Océano–, os músicos Emilio José e Beni Ferreiro
(Igloo) e o crítico Jesús Ordovás, entre outros. A lista de bandas é
menos doada de resumir. Entre Los Tamara e os novísimos como Franc3s,
Novedades Carminha ou Triángulo de Amor Bizarro pasaron moitas cousas e
moitas distintas. Só nun libro coma este poden compartir páxinas Los
Piratas e Xoel López con Quinindiolas, Cosecha Roja ou Los Eskizos.


O profesor de Química é rácano cos sobresalientes. Só dous discos lle merecen cinco estrelas: Me llamo Andrés Lapique do Barro (RCA, 1970) e Golpes Bajos
(Nuevos Medios, 1983), o debut de Germán Coppini e Teo Cardalda. “A
perfección é moi escasa”, retruca, pero tampouco é severo. Nin sequera
Semen Up e Los Limones baixan de dúas estrelas e media, un aprobado en
toda regra, con La Agonía del Narciso (Nuevos Medios, 1986) e 7 Mares (Tecnodisco, 1997) respectivamente.




<<       > <