- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Toxosoutos entrega os Premios de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2009


:      Javier Romero
09/04/2010



A casa da cultura de Muros acollerá mañá ás 13.00 horas a
entrega do Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal 2009, organizado
pola Fundación Comarcal de Noia e Muros, o Concello muradán e a editorial
Toxosoutos, da que David González Couso é director dende hai un ano. O gañador
coa obra A casa de Soutomaior, Suso Vila, estará acompañado polo tamén
finalista Ernesto Iglesias, autor de As moedas medievais galegas.



-¿Cal é a valoración das obras premiadas?



-No caso do primeiro premio hai claramente unha labor de
documentación, análise e transcrición de documentos que botan luz sobre o
período baixomedieval no que a casa de Soutomaior adquire gran protagonismo.
Respecto do finalista, o tema resulta sumamente curioso porque non abondan os
estudos sobre numismática galega. Moi rigorosamente tratado, ensaríllanse
numerosos temas sobre as moedas dende a orixe do concepto e o nome ata a
traxectoria histórica na que transcorre o seu uso.



-¿Resultou difícil elixir as obras entre o resto de títulos
presentados?



-Imaxino que cada membro do xurado terá formulado moitas veces
se actúa de xeito xusto, aínda que o establecemento dos criterios non deixe
moita marxe, está claro que moitas veces prima algunha cuestión de gusto
persoal ou afinidade investigadora, pero sen dúbida, a posta en común e o
debate entre os membros que xulgan as obras da un resultado que afina cara a
decisión máis xusta.



-¿Considera que o premio está recoñecido a nivel autonómico?



-Non todo o que debería, pola contía económica, pero tamén
porque o premio de historia medieval ten boa acollida na universidade, ademais
dos seus vencellos con historiadores ben recoñecidos. Penso que é das poucas
apostas editoriais que mostran a evolución da historia local á universal,
indispensable a primeira para a existencia da segunda.



-¿Que difusión e utilidade terán os libros premiados?



-A súa publicación e presentación como algo inmediato e, por
outra parte, a posibilidade de que os seus autores estean avalados por un
premio así introdúceos nun ámbito académico de xeito relevante. En canto á
utilidade, dedúcese do que levo dito que estes traballos constitúen unha
ferramenta para os estudosos do mundo medieval, xa que constitúen chanzos que
completan a visión da historia de Galiza e Portugal e das súas achegas.



-¿Cales son os actuais valores de Toxosoutos?



-Fundamentalmente as coleccións Keltia e Trivium, as apostas por
novos creadores en narrativa, poesía e ensaio. Ademais inauguramos en breve
unha nova colección, denominada Esmorga que pretende achegar ao ámbito escolar
textos de grandes autores precedidos dun estudo rigoroso da man de
especialistas. Os autores cos que abriremos a nova serie son Euloxio Ruibal e
Claudio Rodríguez.



-¿Con que título se quedaría da editorial?



-O libro Uxío Novoneyra. Home e terra, de Xosé Lois García e
prologado por Uxío Novoneyra Rei, con textos e imaxes inéditas do autor do
Courel.



-¿Cal é a súa opinión sobre a política editorial da Xunta?



-O único que podo dicir é que o libro e, en xeral, o mundo da
cultura soe cargar con problemas que lle son alleos. As compras vense
recortadas, é certo, polo demais hai que sinalar que a política cultural está
por definir.



-¿Chegan as axudas anunciadas con motivo do Ano do Libro?



-Reitero que aínda está por ver cal será a repercusión que vai
ter o Ano do Libro en Galicia.






<<       > <