O xoves 29 de novembro, ás oito e media da tarde, presentouse na Librería Biblos de Lugo a obra Tigres de ternura / Tender Tigers, do escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, publicada pola Editorial Toxosoutos en edición bilingüe galego-inglés de Kathleen N. March. Interviron no acto o propio autor, e a profesora norteamericana JoDee Anderson, da Facultade de Humanidades de Lugo.
O poeta Claudio Rodríguez Fer recibiu, hai agora trinta anos, o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura, libro xuvenil, lúdico, erótico e vangardista que alcanzou tres anticonvencionais edicións manuscritas entre 1981 e 1983, ilustradas por Carmen Blanco. Agora preséntase en edición bilingüe galego-inglés feita pola catedrática e crítica norteamericana Kathleen N. March, con debuxos da ilustradora estadounidense Kimberleigh Martul-March.
Ademais, Claudio Rodríguez Fer, traducido a numerosos idiomas, é autor de medio cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Exerce a docencia na Facultade de Humanidades de Lugo e é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago. Foi profesor nas Universidades da Cidade de Nova York, de Bretaña Sur e da Alta Bretaña, onde foi investido este ano como Doutor Honoris Causa. Proximamente presentará Tigres de ternura / Tender Tigers en Nova York.