- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Claudio Rodríguez Fer recompila a súa narrativa en «Contos e descontos»


:      Xesús Fraga
07/08/2011

Aínda que é
máis coñecido como poeta, Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) tamén é
autor dunha obra narrativa que agora recompila nun único volume, Contos
e descontos (Toxosoutos), e que inclúe textos inéditos. Non obstante, o
escritor, que presentará hoxe o volume na Feira do Libro da Coruña ás
20.00 horas, prefire non facer distincións de xéneros literarios, xa
que toda a súa obra, e mesmo a súa vida, está marcada por temas comúns.
«A vangarda libertaria, o erotismo insubmiso e a memoria solidaria
aparecen en todo o que fixen dende a adolescencia ata hoxe», subliña
Rodríguez Fer, quen si engade a presenza do cinema e as súas técnicas
nos seus relatos.

Outra característica é un gusto pola brevidade, que xa estaba presente nos textos de Meta-rrelatos (1988) e de Os paraísos eróticos (2010), «onde mesmo hai un conto de menos dunha liña», formulación estilística que provén da «procura da intensidade».

Estes dous libros son, ademais, a cerna de Contos e descontos,
pero o volume conta con máis pezas que nunca foran recompiladas, mesmo
a de carácter inaugural. «Aparece por primeira vez a miña primeira
obra narrativa, Prometeo adolescente, composta por microrrelatos case autobiográficos», di o autor.

Outros
textos son o fantástico Ciclo de Ión e contos sobre a memoria e a
loita antifascista; precisamente esa é a liña do relato final, tamén
inédito, O neno que non quería ir á guerra, «unha especie de memorias
dun neno da posguerra fillo de pai represaliado».

O
feito de que Contos e descontos se presente como «narrativa completa»
non exclúe que Rodríguez Fer peche esta faceta da súa obra.
«Ultimamente preferín facer relato en verso, como ocorre nos meus
últimos poemarios, Ámote vermella e Unha tempada no paraíso, porque ao
mesmo tempo que me interesa contar historias non quero prescindir da
intensidade da poesía. E de momento prosigo nesta liña, aínda que nunca
se sabe o que se fará, porque non é un quen fai a súa obra, senón a
súa obra a un», explica o escritor.




<<       > <