Con 
1980 (ano cero) o vigués Rubén Martínez Alonso bota a andar polos intricados vieiros da narrativa galega.
A de Martínez Alonso é novela 
psicolóxica de moito lastre, cargueiros enteiros de reflexións sobre a 
vida e a morte —principalmente a morte—, sobre o sentido da existencia 
e, antes de cousa ningunha, sobre o suicidio, verdadeira trabe mestra da
 historia que se presenta.
O mozo protagonista, recluído nun 
psiquiátrico, pasa revista aos feitos traumáticos que pexaron os seus 
días, á infancia de abafantes clases de natación e os (des)amores 
xuvenís, un tempo que se sente asemade arredado e próximo.
E velaí outra das pretensións da novela,
 a procura dun non lugar e un non tempo ou, se se quer mellor, unha 
intersección atemporal e atópica de eternidade deslocalizada, alucinada 
obsesión do doído protagonista.
Tripando motivos e recursos abondo 
coñecidos, a escrita de Rubén Martínez Alonso convida á introspección 
epifánica e a iluminación polo pensamento, tantas veces lindeiro coa 
loucura.