- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Lucidez na loucura


:      Galicia Hoxe
21/06/2011

"A hipocrisía contaxiarase entón ó eido
público dende o privado, ás relacións sociais, porque os individuos xa
non son capaces de concibir un mundo sen mentiras, falsidades, sen
praceres colectivos que satisfagan á masa, ó tempo que impiden a
realización do suxeito, do singular, do ego". É unha das reflexións do
protagonista de 1980 (ano cero), a primeira novela de Rubén Martínez Alonso, que acaba de editar Toxosoutos. Un monólogo dunha persoa lúcida na súa loucura.

É o teu primeiro libro, aínda que xa publicaras algo de poesía en "Dorna". Non é un pouco arriscada a túa opción polo monólogo?

O
protagonista é un demente e iso dá pé a reflexionar sobre moitas
cousas. É case todo monólogo, si, menos algo de diálogo que lle dá
axilidade, aínda que moitas veces non sabemos con quen fala, moitas
veces fala consigo mesmo...

É
unha persoa cunha enfermidade mental, con dobre personalidade, pero
fai críticas moi acertadas dunha sociedade que ve como alleante e
destrutiva...

Desexa a
morte, e vai argumentando esa arela nas súas experiencias. E ó mesmo
tempo vai asumindo a personalidade dos outros personaxes dos que fala. E
cuestiona, critica, a sociedade. O xogo é que se podería darlle a
volta á historia, sendo os tolos os demais, pois el pregúntase quen
pode sentirse libre no cárcere que é o mundo.

Que é este libro, se tiveras que definilo nunha frase? Cal é o tema fundamental?

A liberdade de escoller como vivir a túa propia vida.

O que conta ocorreu no pasado. E hai varios pasados nun...

Presente,
pasado e futuro están mesturados, en realidade. Só hai esa data que el
asocia a un feito traumático. O tempo, como o espazo, quedan nun
segundo plano.

O que si está claro é que o marcou a súa infancia, o maltratamento...

Ten
bos recordos da súa infancia. Pero tamén hai unha crítica ó
maltratamento, e ó amor mal entendido que en realidade é dependencia e
que leva a consentilo. E, si, a idea de que a infancia é unha etapa que
nos marca moito.

Pero o protagonista tamén é crítico consigo mesmo, non si?

Si,
porque se decata de que é moi semellante a seu pai. El ten unha
personalidade herdada, e non é capaz de ser doutra maneira. Seu pai
tamén fora maltratado. É unha violencia que vai pasando de xeración en
xeración. E a única saída que el ve é a morte.

Rexeita a sociedade pero tamén se sente moi só...

Séntese só porque non se sente comprendido.


<<       > <