Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Animar a ler


Autor:      Alfredo Conde
30/11/2016

OS xornais impresos adoitan reservar espazos que han ser ocupados polo que damos en chamar chistes, pero que ó mellor non o son tanto. En non poucas oportunidades constitúen verdadeiras editoriais que fixan ou axudan a fixar a opinión da xente respecto desta ou daquela outra cuestión ou que, noutras e según o autor que as asine, son descricións exactas e cabais dunha realidade social ou política. Recorden, por poñer un exemplo clarísimo, as viñetas que Antonio Mingote asinaba no ABC. Dicían más da realidade político-social española que centos de traballos ó respecto.
No noso ámbito contamos con xentes que son quen de reflectir nos seus cotiás traballos non só esa realidade político-social á que nos remiten, aínda hoxe, os traballos de Mingote senón a unha realidade mesmo máis fonda; a que xorde do fondo gris da Historia. O día no que escribín estas liñas puidemos ler, no xornal nos que os edita, un debuxo de Xaquín Marín que exemplifica cabalmente o que se está a firmar. Trataba dese personaxe creado polo debuxante, bautizado como Isolino, central dunha sección, sí, dunha sección, titulada O Lecer de Isolino. Nela ese Isolino que, non tendo nada que ver con el moito me recorda a Torrente Ballester, dicía o seguinte: “Desde sempre, neste recanto da península estamos abandonados. Pero o problema pode ser que nunca nos abandonaron abondo”. 
Coincidiu a tal viñeta, que di moitas máis cousas das que sinala nesa rectangular gurgulla na que Marín adoita coutar os seus textos, coa lectura dun libro de Fernando Cabeza Quiles recén editado por Toxos Outos. Titúlase o tal e recén editado libro na colección de Divulgación e ensaio, Galicia, o galego e os galegos eu de ser algún de vostedes leríao de contado. Como no o son debo dicir que xa levo lida máis da mitade do seu texto.
Entre a viñeta de Xaquín e as consideracións de Fernando existe un fío, velaíño coma néboa, que une ambos e vencella a quen se deteña na súa contemplación ou na súa lectura.
O Isolino aparece coutado por un muro que recorre o mapa do país, alá pola costa da Morte, coutándoo e amparándoo do mar e máis dun alado leviatán que xorde do abismo náutico da fin do mundo. O texto vai en negro. O texto de Cabeza Quiles loce na capa a reprodución dun óleo de Luís Seoane no que alguén terma de dous adivais que, dos seus outros extremos, suxeitan cadansúa vaca; e dicir, ese animal que sempre foi un tótem de nós e que, como sigamos así, vai deixar de selo, se non é que xa o deixou hai tempo.
Eu animo á xente a ler o libro e animaría á editorial á edición dun libro que recompilase, reproducíndoos, os mellores debuxos de Isolino. Ambos supoñen unha reflexión profunda sobre da nosa realidade máis esencial e certa agora, cando todo se está a transformar e nada pode ser o que nos quede.