Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Códice peregrino


Autor:      Armando Requeixo
19/06/2012

¿Ulo Códice Calixtino? Velaí unha das grandes preguntas que nos atormenta dende o xullo pasado ás galegas e galegos con querenza de seu. ¿Como puido írsenos das mans un tal activo cultural e simbólico?

Haberá que agardar esperanzados a que esta hecatombe patrimonial remate pronto coa aparición e recuperación do extraordinario códice medieval extraviado, o único dos grandes manuscritos que se custodiaba nas nosas terras. Mais mentres ese degoirado día non chega, ben está que poidamos regresar á marabilla textual do vello volume grazas á oportunísima impresión de edicións modernas que o reproducen.

E vén a conto isto porque o ensaísta e veterano profesor Xosé Eduardo López Pereira, catedrático de Latín na Universidade da Coruña, acaba de reeditar, revisada, unha súa excelente tradución do Libro V do Códice Calixtino, isto é, do Liber Peregrinationis, tradicionalmente coñecido como Guía do peregrino.

A obra, publicada na moi estimada colección Trivium da Editorial Toxosoutos, ofrece unha versión completa deste importante capítulo do Códice Calixtino, pois reprodúcese non só en versión galega, senón que tamén achega unha transcrición fidedigna do orixinal latino hoxe, de momento, perdido.

Precedendo os textos, López Pereira dispón un completo e moi documentado estudo introdutorio no que presenta as principais cuestións históricas, documentais e socioliterarias que rodean a obra, páxinas de sabias exposicións nas que, de xeito moi ameno e informado, un pode aprender todo o preciso sobre o tema.

Que hai de ficción e que de histórico no Códice Calixtino? ¿Quen o escribiu? ¿Cando nace e como vai conformándose o movemento (proto)xacobeo que este libro axudará a inmortalizar? ¿Que influxo tivo na redacción tardomedieval doutras guías de camiñantes e peregrinos a Compostela? ¿Cal é o contido do Liber Peregrinationis e por que está integrado no Códice? A todas estas preguntas e a moitas outras responde con acuidade López Pereira nas planas do seu magnífico ensaio prologal, absolutamente recomendable para todas e todos os que desexen coñecer de primeira man a historia e realidade do vello Camiño Francés descrito por Aimerico Picaud no século XII, con profuso detalle das súas etapas, dos nomes das vilas que atravesa, dos hospitais del nacidos, dos ríos bos e malos que os peregrinos poderán achar no seu camiñar, das xentes e nacións polas que o Camiño transcorre, dos corpos santos que descansan nel e que cómpre visitar e, por suposto da magnificencia da Compostela medieval, a cidade sagra e arcebispal que Xelmírez abriu ao mundo a través das sete grandes portas que sorteaban a vella muralla de Cresconio.

Á altura das xa clásicas edicións de Walter Muir Whitehill ou Klaus Hebers e Manuel Santos Noya, este Códice Calixtino. Guía medieval do peregrino de Xosé Eduardo López Pereira é un texto referencial ao que lle desexamos ampla difusión tanto entre nós como na súa andaina por eses camiños que traen e levan os esforzados peregrinos á antiga sé apostólica galega, quen acharán nel un inmellorable mapa de ruta.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 17-6-2012]