Listado de noticias:
Lupe Gómez deita nun novo libro o diálogo coas imaxes de Emilio Araúxo
Autor: Vanesa Oliveira 24/02/2011
|
Santiago. "O meu libro A grafía dos mapas é a
Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da
Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos
debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume
que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de
cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas,
o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e
ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da
autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o
futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a
autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade". Editado por
Toxosoutos, o libro preséntase hoxe ás 20 horas na Libraría
Pedreira de Compostela, nun acto no que a poeta de Fisteus estará
acompañada polo editor, David G. Couso, a bailarina Branca Novoneyra e
os músicos Xabier Díaz e Guille Fernández que interpretarán temtas de de
Arrolos de salitre. "Recordo empezar a escribirme con Emilio Araúxo cando morreu Uxío Novoneyra" -lembra Lupe Gómez- que fora cando escribira Poesía fea
e el mo editara en Noitarenga. Araúxo mandábame fotos para facer poemas
que publicar nos caderniños da súa editorial, Amastra-n-gallar. O ano
pasado Toxosoutos interesouse no proxecto e así naceu este libro",
marcado polo Entroido como símbolo da alegría pero tamén da crítica; un
libro dual, que busca "as contradicións, os paradoxos que existen na
vida". Leitora "máis periódicos que de libros", a autora quere "que as preocupacións da sociedade entren no que escribo" e por iso A grafía dos mapas reflicte a crítica social desde unha ollada na que a nenez e a infancia están moi vivas. No poema Xardín de Infancia,
Lupe deita tamén críticas á educación dos nenos. "Si, son os nenos pero
tamén Galicia, que está no cárcere. Os nenos están encarcerados porque
non poden xogar na rúa, non poden expresarse nin falar, só lles
ofrecemos as novas tecnoloxías e a televisión. É coma se lles pechasemos
os ollos e non poden ver nin falar. Son nenos que están obrigados a ser
produtivos como estamos obrigados os adultos tamén, a facer cousas.
Pero en realidade non estamos vivindo senón pechando a vida", afirma a
poeta quen reivindica a "nada, ese silencio, esa calma. É importante
buscar a paz a través da literatura".
[...]
|
Leer más...
|
|
As raíces galegas de Carmen Martín Gaite
Autor: Armando Requeixo. El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-2-2010 20/02/2011
|
Entre as novas promocións de filólogos, David González Couso salienta
pola súa dedicación e entrega á causa literaria tanto galega coma
castelá. Os seus traballos sobre lírica galego-portuguesa medieval e
poesía castelá do século XVI testemuñan o que afirmo.
Ora ben, se hai un eido investigador no
que se ten significado este estudoso ourensán ese é o da análise da
biobibliografía da escritora Carmen Martín Gaite, sobre a que ten
publicado abondosos textos, entre os que merecen subliñarse monografías
como Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite (2008) e os manuais Una propuesta de lectura para «Caperucita en Manhattan» (2008) e Guía de lectura «Caperucita en Manhattan» (2010).
Pois ben, continuando con esta liña de investigación González Couso dá agora á luz O fío da escritura,
descritivamente subtitulado “A pegada cultural dos Gaite en Galicia”,
volume que conta cun documentado e moi informativo limiar do poeta e
profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, tamén el estudoso da literatura
de noso e recoñecido hispanista.
O fío da escrita leva a cabo un
exhaustivo repaso ás orixes galegas de Carmen Martín Gaite, a familia
materna da cal era de ascendencia ourensá. De feito, a célebre escritora
española veraneou dende cativa en San Lourenzo de Piñor e, cando de
maior emparellou co tamén famoso Rafael Sánchez Ferlosio, ambos pasaron
vacacións na casa familiar que nesta parroquia posuían os Gaite.
Grazas ás laboriosas investigacións de
González Couso hoxe sabemos que o bisavó da escritora, Joaquín Gaite
Núñez, foi un importante docente ourensán (era catedrático de Xeografía
no instituto daquela cidade) e mesmo chegou a fundar unha histórica
cabeceira do xornalismo galego como foi El Orensano e participar, como xurado, no Certame Poético de 1877 no que fora premiado un aínda mozo Manuel Curros Enríquez.
O libro de González Couso fai tamén un
repaso dos contributos do irmán de Joaquín, Antonio Gaite Núñez,
igualmente destacado educador ourensán e director eventual do periódico
que fundara seu irmán.
Do mesmo xeito, o fillo de Joaquín, Francisco Javier Gaite Lloves, avó da autora de Retahílas,
foi tamén un acreditado docente e, así mesmo, un notable ensaísta sobre
os máis variados temas, do que dá cumprida conta González Couso nas
súas precisas páxinas introdutorias.
Aínda que neste O fío da escritura
se tratan tamén outras figuras familiares de relevo (velaí o Padre
Gaite, José Gaite Sancho, apreciado orador sacro e coñecido publicista
de homilías, ou o tío avó da autora, Antonio Gaite Lloves, profesor de
ciencias e un dos fundadores e primeiro director do Ateneo de Ourense,
mesmo Ramón Méndez Gaite, sacerdote, ensaísta, conferenciante e
historiador que tamén publicou artigos sobre Santiago ou Vigo en medios
galeguistas de alén mar como a revista Galicia ou o semanario Tierra Gallega),
ofrece un interese indubidable o capítulo que González Couso dedica a
“O imaxinario galego na literatura de Carmen Martín Gaite”, onde
percorre as pegadas que Galicia e os galegos deixaron en títulos da
autora como Las ataduras, Retahílas, El Pastel del diablo ou La Reina de las Nieves.
O volume remata coa reprodución de tres
curiosos facsímiles debidos a Joaquín e Antonio Gaite Núñez e mais ao
fillo do primeiro, Francisco Javier Gaite Lloves.
O fío da escritura é, con
certeza, un valioso traballo de investigación xenocrítico e biográfico
que fotografa con meticuloso detalle o labor cultural dos Gaite na
Galicia do XIX e primeiros anos do pasado século, á vez que un suxestivo
percorrido polas raiceiras galegas de páxinas e pasaxes narrativas de
Carmen Martín Gaite, unha das máis importantes escritoras españolas dos
tempos recentes, que ten en David González Couso un analista de
excepción.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-2-2010]
[...]
|
Leer más...
|
|
David González Couso percorre en «O fío da escritura» a historia dos Gaite
Autor: La Voz de Galicia (Ourense) 16/02/2011
|
A Editorial Toxosoutos publicou na súa nova colección Esmorga a obra do filólogo ourensán David González Couso O fío da escritura.
Neste traballo o filólogo e investigador, que xa ten publicado outros
traballos relacionados coa escritora Carmen Martín Gaite, fai un
percorrido pola historia cultural do Ourense do século XIX da man da
xenealoxía dos Gaite.
Os Gaite realizaron «durante o século XIX un labor
docente, xornalístico, administrativo e cultural en xeral moi
significativo en Galicia e absolutamente considerable en Ourense, que
nunca fora tratado en conxunto». No libro mantense que «a familia é a
paisaxe psicolóxica que nos acompaña sempre» e de aí a importancia
destes «antepasados galaicos de Carmen Martín Gaite» na narrativa da
autora «o que lles confire un interese contextual e xenotextual moi
importante» para comprender a súa obra.
O labor público da familia Gaite, como se recolle en O fío da escritura,
estivo vencellado ao ensino, á imprenta, á prensa, á administración e á
cultura de Ourense «e, mesmo, de certos aspectos do acontecer social de
Allariz e Pontevedra».
[...]
|
Leer más...
|
|
Teatro recuperado
Autor: Armando Requeixo 13/02/2011
|
Da man de Antonio Rey Somoza, máximo especialista na biobibliografía de
Xesús San Luís Romero, publícase na Editorial Toxosoutos a peza de
teatro Foliada no rueiro, paso cómico folclórico en dous actos que o autor de Carballo escribira en 1959 e que permanecía ata hoxe inédita.No breve pero documentado estudo
introdutorio que precede á obra, Rey Somoza dá conta dos principais
riscos da vida e produción do autor para deterse, con maior detalle, na
descrición da súa escrita teatral e, máis particularmente, da peza
editada e a súa relación co drama costumista e de crítica social Rosiña, tamén da súa autoría.
Unha recuperación acaída esta de Foliada no rueiro, realizada por un competente Rey Somoza, grazas ao cal hoxe figura en volume tamén a amentada Rosiña, ás que aínda habería que sumar as recentes edicións de Alfonso Rey López do drama Xenreira e mais os Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas de San Luís Romero.
Como queira que aínda fica abonda obra
teatral do escritor por recuperar, non ha ser mala idea a de ir
debrocándose na lectura desta divertida Foliada no rueiro na espera de futuras exhumacións tan oportunas como a presente.
[...]
|
Leer más...
|
|
«Sobre a terra do Courel aínda hai moitas cousas que escribir»
Autor: Francisco Albo 09/02/2011
|
Jesús Alfonso Parada Jato, natural da parroquia
courelá de Meiraos, presentará o día 15 en Lugo -na librería Trama, ás
20 horas- o seu libro Lembranzas do Courel, unha continuación da súa primeira obra, Usos, costumes e cousas do Courel, publicada no 2007 pola editorial Toxosoutos e actualmente esgotada.
-¿Que diferenzas hai entre este novo libro e o precedente?
-Esta obra é algo menos extensa -ten 234 páxinas- e
segue unha óptica máis persoal que a anterior, na que me limitaba a
describir as cousas dunha forma obxectiva, sen dar as miñas opinións. O
marco xeográfico é máis amplo, porque falo tamén dalgúns territorios
limítrofes que teñen moitas semellanzas co Courel, como os municipios de
Quiroga, A Pobra do Brollón, Samos, O Cebreiro e algunhas localidades
da provincia de León. Os contidos son similares: contos populares,
cantigas, costumes, práticas agrícolas tradicionais, anacos de historia
local... A maior parte do libro está recollida da tradición oral e son
materiais que non puiden incluír na miña primeira obra.
-¿Pensa publicar máis traballos deste tipo?
-Si, porque sobre a terra do Courel aínda hai
moitas cousas que escribir. Sigo recollendo as historias, as anécdotas e
os costumes que recorda a xente maior e aínda faltan moitas aldeas por
visitar na serra e nos seus arredores. Teño en proxecto continuar esta
serie con outro libro, pero aínda non sei cando o poderei terminar.
-A estas alturas do século XXI, a recollida da tradición oral xa non poderá demorarse moito...
-Non, hai que darse certa presa para recoller todas
estas tradicións culturais antes de que se perdan para sempre, porque
cada vez son menos os veciños que recordan as cousas de antano. Desde
que publiquei o primeiro libro xa faleceron unhas quince persoas que
sabían moito destas cousas e que me proporcionaron moitas informacións.
-¿Ten outras publicacións en mente?
-Teño pensado elaborar un diccionario da fala
popular do Courel en colaboración con outra autora, María Moure, e xa
recollemos moito material lexicográfico con esta idea. A ver cando temos
tempo para ordenalo e darlle forma... Por outro lado, no próximo outono
espero publicar a tradución ao castelán do meu primeiro poemario, A cor das uces,
que apareceu no 2008. E para esta primavera está previsto editar unha
antoloxía de poesía sentimentalista na que participo eu xunto co
escritor lucense Xesús Manuel Valcárcel e outros cinco autores que
pertencen a esta corrente.
jesús alfonso parada escritor
[...]
|
Leer más...
|
|
«Para afirmar a vida hai que denunciar a morte»
Autor: La Voz de Galicia 05/02/2011
|
Poeta, narrador, autor
teatral e ensaísta sempre en vangarda, Claudio Rodríguez Fer é tamén
autor de máis de medio cento de obras creación e investigación. Pero,
por riba de todo, é poeta erótico, dimensión coa que seu a coñecer en
libro e á que consagrou numerosas obras. Director da Cátedra Valente de
Poesía e Estética, da USC, Rodríguez Fer, ven de presentar seu libro
Unha tempada no paraíso, na Fundación Granell, obra de poemas publicada
pola editorial Toxosoutos na súa colección Esmorga, con ilustracións
eróticas de Sara Lamas. -O público abarrotou a sala con esta presentación, cando no é moi frecuente, especialmente cando se trata de poesía. -Non,
o cal alégrame moito pola editorial, pola autora das ilustracións,
polo libro e tamén polo feito de que esta presentación tivo lugar na
Fundación Granell, unha bandeira da vangarda en Galicia, á que ademais
me sinto vinculado porque fun amigo de Eugenio Granell, o pintor que
lle da nome, con quen publiquei un libro no que el facía serigrafías e
eu os poemas. -Amor, liberdade e poesía, que dalgunha maneira, son os eixos da súa poesía. -Si.
Forman parte da miña poética esencial. A miña obra caracterízase por
un espírito libertario. Outra cousa é que este tipo de creación libre
sexa o que lle interesa ao capital que comercia e vende literatura de
masas. Polo tanto, esta é unha razón de máis para practicar a
insubmisión ante toda clase de compracencia ou comercialismo. -Que a poesía xa non ocupe as aulas, nin estea de moda, como noutros tempos, debe ser algo moi triste para o poeta. -É
lamentable. É unha perda gravísima que isto suceda. O que pasa é que
moita xente se rebela moitas veces contra este tipo de castración da
sensibilidade, a través precisamente doutras válvulas de escape, como
pode ser a canción, porque a xente ten necesidade de poesía. -Pode ser que a poesía, como o cine e outras artes necesite redefinir novos espazos. -Como
publicación minoritaria aínda subsiste, Noutras épocas tampouco se
vendía masivamente a poesía en libros, pero si se transmitía
masivamente a través das cancións. Pero a poesía debe ir gañando outro
tipo de vehículo ou medio de expresión. Eu mesmo fago poesía visual. -¿Por que tamén a memoria histórica, outro eixo da súa poesía, está presente nese libro? -Porque
para afirmar a vida é necesario denunciar a morte. eu fago poesía pola
vida e, polo tanto, estou obrigado a facer memoria contra a morte.
Para que non volva a suceder o que sucedeu e compensar aos que
padeceron inxustamente. Eu fago cos meus versos xustiza poética, xa que
xustiza histórica é imposible.
[...]
|
Leer más...
|
|
|
|