Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

O sorriso de Hitler, de Xosé Alfredo Naz Fernández


Autor:      Ramón Nicolás
29/07/2012

Hai por volta de tres meses acompañei aos escritores Antonio Piñeiro e Baldo Ramos nas deliberacións correspondentes ao xurado do premio “Relato de aventuras Avilés de Taramancos”, que organiza anualmente o Concello de Noia baixo o impecable labor de coordinación do profesor Xavier Castro. Daqueles debates xurdiu un orixinal galardoado que chega agora ás miñas mans: O sorriso de Hitler, do escritor vigués Xosé A. Naz Fernández, autor premiado nalgúns concursos literarios de relatos e que, con este, consegue ver publicado o seu primeiro libro en forma independente.

         A novela lembroume, desde as primeiras páxinas pois nela hai un exercicio de denuncia e de defensa da dignidade, unha fotografía tirada en 1935 que recolle o saúdo nazi tributado a Hitler por unha masa enfervorizada na cidade de Hamburgo; na imaxe, con todo, hai algo estraño: nela detéctase unha persoa cos brazos caídos, feito que probablemente determinou a súa desaparición por volta do ano 1944. Anos despois, cando unha filla daquel home ve a devandita fotografía descobre que se trataba de seu pai, August Landmesser, que xa se convertera nun símbolo da obxección de conciencia e da dignidade.

     O título da proposta alude  á semellanza física que hai entre un preso e o propio Hitler, o que lle ocasionará funestas consecuencias ao primeiro, pero isto é só unha parte dun relato concibido como un discurso sen interrupcións polo que nos conduce a memoria dun fotógrafo e intérprete chamado Smith, que dá conta das súas vivencias e do que testemuñou mercé á atalaia que lle proporcionaba o seu traballo como tradutor, incorporado dun xeito casual ás tropas que desembarcan en Normandía. Parte do seu labor consiste, loxicamente, en captar fragmentos da realidade para transmitilos a través das imaxes, mais nesta ocasión será a través da palabra como vai reconstruíndo un universo marcado polo odio visceral e a violencia que atopa a cada paso. Velaí como o espello da intolerancia, o desatino e mais a crueldade vai reflectíndose tanto en personaxes como un oficial das SS chamado Schultz, no comandante Wolff ou no doutor Hoffman, como en espazos chamados Daoulagad, Château Noir ou un campo de exterminio denominado Buchenlitz onde se cruzan os destinos, noutro plano paralelo, de dous rusos deportados  -Nikolay e Heskel- que acaban por verlle de preto a cara á morte no medio dunha arrepiante partida de xadrez humano.

         A novela non se recrea, como podería ser doado, no lado máis escuro e execrabledestas experiencias –que o ten-  pois o autor opta polo camiño da suxestión co que consegue o efecto desexado, isto é, transmitir as arrepiantes consecuencias que a intolerancia encerra; sen esquecer os danos reais e colaterais que todo conflito bélico comporta, e máxime o que aquí se expón.

 

Esta recensión publicouse o 29 de xullo de 2012 nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, baixo o título de «Aquel andazo da intolerancia».