- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Galicia, unha referencia dos Gaite


:      XAVIER CASTRO
02/04/2011


O público lector sabe da figura esencial de Carmen
Martín Gaite dentro da literatura española. A obtención, entre outros,
dos Premios Gijón, Nadal, Anagrama e Príncipe de Asturias das Letras,
reforzaron pouco e poco a imaxe da autora de Entre visillos e Fragmentos de interior.
A salmantina pertence a unha saga familiar de fondas raizames
históricas e culturais que, en parte, coinciden co desenvolvemento da
historia galega e que o escritor David González Couso vén de desenvolver
no seu "O fío da escritura. A pegada cultural dos Gaite en Galicia" en
edición de Toxosoutos e que inclúe un "fiadeiro prologal" de Claudio
Rodríguez Fer. Non é esta a primeira vez que David González intervén nos
vencellos persoais, históricos e culturais da familia Gaite, pois xa
naquel "Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite" comezara "a tirar
do fiado galego da liñaxe materna da autora, conformada polos Gaite...".
Foi así como David González uniu os elos humanos e culturais dos Gaite
co noso país ("membros ilustres que compoñen a súa ascendencia por liña
materna, oriúndos de Galicia") nun libro que nos leva pola historia de
persoas que deixaron unha fonda resonancia no noso territorio. A
realidade humana (constante na súa novelística e ensaio) vén mesturada
cos espazos recollidos das vivencias infantís en San Lorenzo de Piñor e
que se plasman "na paisaxe deste lugar, ao que acudía quen sería unha
recoñecida novelista, cada verán coa súa familia durante os anos de
infancia e primeira xuventude, presente dalgún xeito en boa parte da súa
obra". É que, todos os trazos representativos do que é Galicia, agroman
de xeito constante mesturándose co misterioso, co lendario coa
ambigüidade entre o vivido e o soñado.

O volume de David González inclúe tres interesantes facsímiles de obras de diferentes persoas desta saga, como o Método contra o cólera-morbo epidémico de Joaquín Gaite e publicado no ano 1854, as Consideracións sobre a defensa dos montes públicos en Galicia (Pontevedra, 1885) e os Elementos de xeografía astronómica e física (Ourense, 1894) escrito por Javier Gaite..




<<       > <