- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Claudio Rodríguez Fer: "Unha tempada no paraíso" supón unha reivindicación da paz, da felicidade e do amor sen límites"


:      Vanesa Oliveira
02/02/2011

O escritor lugués Claudio Rodríguez Fer -autor de máis de medio cento de obras- deuse a coñecer como poeta erótico en 1979 con Poemas de amor sen morte,
engadíndose así á nómina de creadores que renovaron a poesía galega
dos oitenta. Unha dimensión, unida á de liberdade, xustiza e paz, que
se conxugan no seu novo poemario, Unha tempada no paraíso, que
tira do prelo Toxosoutos na súa colección Esmorga. Rodríguez Fer,
director da Cátedra Valente e profesor na USC, presenta hoxe ás 19:30
horas na Fundación Eugenio Granell de Compostela a súa obra, acompañado
pola poeta Olga Novo, que prologa a obra e de David González, director
de publicacións de Toxosoutos. "Unha reivindicación da paz, da
felicidade e do amor sen límites", así define o poeta este libro,
dividido en seis partes, dende Soamente a apoteose até A bomba rosa,
unha viaxe á busca dun paraíso antibíblico na que a utopía de cambiar o
mundo e reinventar a vida se resume na rosa bigbánica, o sexo da
muller como acceso ao coñecemento.

Unha tempada no paraíso
contén estratos múltiples, ecos intertextuais que conforman o mapa
dunha obra total, cohesionada no seu polifónico clamor de rotundo
vitalismo e compromiso ético.

Por iso Eros sen Tánatos
non se concibe sen amor pola memoria e polo restablecemento da
dignidade ás vítimas da barbarie, e neste senso o libro conecta, como
veremos, coas proclamas de poesía pola memoria antifascista contidas en
A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009).

O lugar do amor é sempre o lugar da paz. Así nace a poética do paraíso que nos libera do tráxico fatum occidental
que entrega sen remedio as nosas paixóns á morte alzando negras velas
ou velenos entre os amantes. E mentres a propia lectura do libro se
revela como tempada no paraíso do goce da beleza escrita, o poeta ofrece
unha serie de "retallos de vida compartida en harmonía profunda", isto
é, a experiencia concreta e material dun paraíso de persoas.

Neste
poemario, como indica Olga Novo na introdución, están presentes os
tres piares da súa poética: a utopía, o erotismo e o coñecemento. Que
supón
Unha tempada no paraíso dentro da súa traxectoria literaria?

Despois da triloxía da memoria composta por Lugo blues, sobre a historia da miña cidade natal; A loita continúa, sobre a historia de Galicia, e Ámote vermella, sobre a represión das mulleres progresistas, Unha tempada no paraíso supón unha reivindicación da paz, da felicidade e mais do amor sen límites.

Cal é ese paraíso poético e vital ao que fai referencia no libro?

A
utopía libertaria, que é posible na vida e na terra, porque os
paraísos poden vivirse e son posibles malia todo. Po iso tomo como
motivos o amor, o erotismo, a viaxe, o lugar e a arte, materializada
nas ilustracións de Sara Lamas.

Ese
paraíso cífrase en termos de feminismo, vitalismo, compromiso ético,
liberdade... conceptos contrapostos ao paraíso bíblico ou á eternidade
relixiosa. A poesía é unha forma de buscar unha utopía que arrede os
complexos de culpabilidade inseridos na nosa mentalidade durante
séculos de relixión?

Por suposto: existe o paraíso, pero está na Terra, aínda que ás veces nos queiran impoñer o inferno.

Na
propia estrutura do libro, que empeza con "Soamente a apoteose" e
remata co Big Bang da Bomba rosa, ponse de relevancia a busca dun
paradigma cosmolóxico invertido. A fin do mundo é o comezo?

Dende logo, porque o mundo, como o amor e a poesía, non ten fin, e cada momento é un principio.

Tamén
hai unha concepción do amor aberto, como un lugar de paz, de pracer.
De feito, o libro comeza cunha dedicatoria ás unións libres. ¿Ao amor
absoluto só se chega coa liberación do colectivo?

En efecto, porque non hai amor, senón probas de amores.

Os
poemas tamén mostran a pegada do celtismo, as referencias a Delfos ou
Creta como lugares habitados polas belas cariátides, é unha proclama á
independencia radical das mulleres?

O celtismo é unha constante na miña obra dende o primeiro libro ao próximo, que se titulará Meus amores celtas, e a independencia da muller é para min outra constante, pois a liberdade non existe senón é compartida por todos e por todas.

Hai un poema dedicado a Lolá Doreste e Ángel Johan e outro a J. A. Valente, unha despedida. Que significan estes poemas?

O
primeiro trata da afirmación do paraíso a través do amor aínda no
inferno do fascismo e o dedicado a Valente lembra como se enfrontou coa
morte o poeta ourensán, que, no momento en que se despediu de Carmen
Blanco e de min a última vez que o vimos, nos dixo antes de que
partiramos: "Xa teño nostalxia de vós".

Cal é o significado de Macumba?

O
feitizo do abrazo á diferenza corporeizada na estranxeiría, porque
quen é de fóra nos permite a nós ser nós mesmos, ao facer de nós tamén
persoas estranxeiras, porque debemos asumir que en realidade todos
somos estranxeiros, aínda que ás veces esteamos de permiso ou teñamos
papeis.

O Big Bang da Bomba rosa
fai referencia ao sexo da muller como principio metafísico, como
acceso ao amor incondicional e ao coñecemento. A muller é orixe e
destino sempre nos seus poemarios, a que se debe?

Por
amor concreto e pola situación potencialmente liberadora da que é
portadora nunha sociedade patriarcal como a nosa. Polo demais, todos os
meus poemas foron sempre poemas de amor, mesmo os que tratan de
xenocidas ou tiranos, porque neste caso son poemas de amor ás súas
vítimas. Non sei facer poemas de odio nin me gustaría que houbese odio
non meus poemas porque creo que neste mundo xa hai odio dabondo fronte á
escaseza de amor.


<<       > <