- Editorial Toxosoutos.com.


:


Dende 61 até 66 de 201 elementos



<< Anterior 1 ... 3 4 5 6 7 8 9 10 1112 13 14 15 16 17 18 19   ... 34 Seguinte >>


Estraño e diverso


:      Román Raña
12/04/2012

Estraño e diverso resulta este poemario de Ramón Caride Ogando (Cea,Ourense,1957),A chuvia humana, que parece formar círculo co seu libro inicial,Paisaxe de verde chuvia,no que ao título se refire.O que agora comentamos circula,nunha primeira parte,polas vías do haiku mostrando reverberacións reveladoras:“A chuvia domundo/non sabe/a quenmolla”,máis tamén polos carreiros do aforismo simpático: “O marketing/ vén sendo o lifting/das novidades/ou sexa: o dos remakes”; ou do epigrama filosófico:“

O amor e o sexo/non son sinónimos:/ non hai centro sen beiras”. Así decorren numerosas composicións deste breve volume, tratando temas diversos que,conxuntamente,

conforman un catálogo dos malestares íntimos do poeta, mais tamén da súa educación sentimental. Na segunda parte,“Pegadas

e ronseis”, atopamos os poemas de longo folgo e de maior expansión lírica.Deste xeito,o primeiro deles,“Ourense, 1967”,desafaba a saudade dos anos fuxidos:“Ourense,/néboa que rubía do Miño, sotanas e pedra gris.A nostalxia é unha trampa/para os que cobran a nómina/polosméritos do esquezo./Morriña do calendario/por un tempo que se foi/sen que nunca fora noso”.Así,entre os versos e as sentenzas, se tecen e destecen as palabras,ceibes polos soutos da melancolía.

 

Faro da Cultura, 12 abril, p. 6
[...]
      ...

Os anos da emoción


:      Pilar Ponte
05/04/2012

Marcelino Fernández Mallo descubriuse un día sorprendido por unhas liñas que sumadas a moitas outras deron lugar á súa última novela,Pallarega: unha historia de protagonista que nos leva de paseo pola vida de Nicolás Traseira a través de diferentes paisaxes xeográficas e vitais. Logo de Klásicos, coas divertidas peripecias de Horacio, chéganos esta nova historia xestada hai tempo e de fasquía ben diferente.Aínda así, podemos detectar algunhas constantes de estilo como a intención de achegar unha perspectiva

persoal ou a busca de contido social. O propio autor sinala como obxectivos da obra, dunha banda, o retrato desa xeración admirable

dos nados entre os anos 20 e 40 do século XX,e doutra banda

unha “posta en valor da saudade” como forza motriz de cambio. E é así como a Pallarega,Madrid,A Habana e A Coruña serven de fondo para uns anos decisivos da vida do protagonista,os que el mesmo denomina como“os anos da emoción”,aqueles en que nos abrimos á vida porque aínda todo nela pode ser e talvez por iso a novela remata abruptamente no preciso momento en que é posible albiscar o futuro porque os camiños xa foron trazados.

 

Faro da Cultura, 5 de abril, p. 6

[...]
      ...
Ver noticia

Cráter, de Olga Novo


:      Ramón Nicolás
03/04/2012

Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar cun exercicio sinxelo pero revelador como sería realizar unha antoloxía de versos que por el circulan e penduralos en post-it para cubrir algunha parede libre  segundo os gustos de cadaquén; os meus serían, entre moitos outros: «o calcio da linguaxe / aliméntame os ósos»; «bisneta que fala co sílex da madrugada»; «poñendo a lingua no punto exacto que manda a madre fonética», «Vilarmao Vilarmao a rentes de ningún santo patrón na puta diocese da nada»; «metade flor de cerdeira / memoria cortada pola metade», «falo co reverso do padal / a esencia da linguaxe»…,  e as razóns destas eleccións non sei ben en que alicerzalas.

     Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar aludindo ao concepto de impacto, pois hai moito disto na súa disposición e obxectivos, mais tamén cumpriría apuntar ao acaído da estrutura cuadripartita pola que se optou: «Cinsas», o primeiro bloque, revela un testemuño dolorido, mais resistente e esperanzado contra a extinción das lembranzas, contra a ausencia e as ausencias. Declaracións de amor, talvez, polas orixes e por quen as simboliza -a nena, a nai, o pai, a bisavoa, o irmán, isto é, a estirpe: ese sistema linfático compartido-; polos espazos vivos na recordación que se «descalcifican» e nos que a fronteira entre a vida e a morte é case intanxible de maneira que logo de proxectalos no presente, na escrita, volvan adquirir vida; «Pedra», o segundo apartado, aséntase nos ecos dun pasado inmemorial e partillado;  »Lava», procura reflectir a instantaneidade de todo o que acadou e tocou e, por fin, »Rocha», que retorna, se é que algún día a autora saíu dela, á exaltación da linguaxe erótica.

    Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar sinalando o universo telúrico que agora se comparte, o ímpeto libertario que o domina a súa escrita, o esforzo por construír un manual que se converte nunha orografía, honesta e intensa, de si mesma, daquilo substancial no que acredita.

[...]
      ...
Ver noticia

“As palabras caen en terra seca, é tempo de pasar á acción”


:      Montse Dopico
02/04/2012

arcelino Fernández Mallo acaba de presentar a súa nova novela, ‘Pallarega’ (Toxosoutos). Froito de sete anos de traballo, a obra acompaña o proceso de superación e desenvolvemento persoal de Nicolás, un rapaz criado no franquismo que, coma moitos outros membros da súa xeración, tira para adiante sendo quen de manter a súa autonomía de criterio por enriba da propaganda ideolóxica oficial. Non é un heroe, senón máis ben un supervivente, que non se cuestiona moito sobre a xustiza dos réximes ditatoriais cos que convive. Coma tantos outros.

Nada máis abrir o teu blog, vexo que pecha, precisamente polo día da folga. E pecha con "Pallarega". Por que? ‘A trenza’ naceu continuando o blog que creara para a promoción da novela. Ó acadar certa atención, pensei que podía ser unha boa idea manter o blog como complemento do meu labor daquela nos medios. Eu colaboraba en Vieiros, Xornal, na Radio Galega e algún outro. Viviamos en Galicia un momento de apertura, de expectación, de creatividade... Había moitos proxectos en marcha, ideas, folgos. Dalgún xeito, sentía a necesidade de dispersión, de tocar moitos paus distintos, de participar. Hoxe xustamente sinto o contrario, que debo concentrar os esforzos. Coido que as palabras e os discursos caen en terra seca, que é tempo de pasar á acción, de facer, de dar un paso adiante. E iso é o que vou tentar: concentrarme nun proxecto que contribúa á recuperación económica do País, modesta pero enerxicamente. Dalgún xeito o libro é unha homenaxe a unha xeración, dis, "admirable", criada na ditadura e capaz de loitar, resistir, ir alén da submisión e a ignorancia na que querían confinalos. Podes explicar un pouco máis isto? Para os galegos nacidos nos anos 20 e 30, o mínimo nivel de educación foilles un ben de luxo. Ademais de medrar nunha contorna de carencias enormes, foron sometidos a un ambiente de represión xa non física, senón sobre todo espiritual, emocional e intelectual, malia o cal souberon conservar o seu talento innato e mesmo prepararse inconscientemente para a transformación que haberían experimentar no ocaso das súas vidas. Por todo isto, coido que son unha xeración a reivindicar e a recoñecer.  Como te documentaches sobre os feitos históricos que citas na novela? A novela é produto de sete anos de planificación, documentación e redacción. Quero dicir que, con independencia do resultado, hai moito traballiño detrás. As fontes foron múltiples, dende entrevistas persoais, ata pescuda en arquivos pasando por visitas aos escenarios principais e moita lectura relacionada, por suposto. Sobre a Cuba de Battista debín ler media ducia de libros, por exemplo.  Aínda que non saibas exactamente como xorde, si da a impresión de que  houbo personaxes reais que a inspiraron. É así? Cales foron? Como case sempre, claro; a mellor maneira de transmitir verosimilitude é levando á fición caracteres e feitos obtidos da vida real, modificando habitualmente os seus perfís para adaptalos á historia. A familia foi un caudal de inspiración importante, así como algúns personaxes de forte pegada que me marcaron cando neno nas estadías en Viveiro, a terra de meu pai. Comeza a novela cunha parte totalmente coral, na que se nos presentan todos os personaxes da aldea. No resto das partes, a historia focalízase en Nicolás -que o conta todo en primeira persoa-. Como concibiches esta estrutura? Isto ten relación cunha pregunta anterior. O plan era amosar un ambiente primixenio rudo, sinxelo e básico, que aparentemente mutilaba as capacidades de desenvolvemento da persoa, e contrastar esa contorna coas posteriores, complexas e variadas, nas cales o protagonista debe conseguir sobrevivir. Na primeira parte asistimos á infancia do protagonista. Estala a guerra e el non comprende nada. Tentan adoutrinalo na escola, pero el nunca acaba de crer o que lle contan. De feito, ao final do libro rexeita, por exemplo, a beatería relixiosa. Non é unha persoa moi ideoloxizada, pero creo que si nos querías contar a historia dun home que era quen de pensar por si mesmo, malia a ditatura. É así? Absolutamente. Nicolás é, sobre todo, fillo dos seus pais, que marcan o ritmo do que ocorre na aldea e son quen de amosar grandes calidades humanas non so no eido das emocións, senón tamén na xestión da súa facenda e das relacións coa contorna. Dende os primeiros anos, Nicolás demostra capacidades perceptivas, un espírito independente e un talento salientable que explotará ó longo da novela en ambientes ben heteroxéneos.  Despois a novela convértese nunha historia de emigración -da clase traballadora-. Faise militar e vai traballar cun xeneral carlista. Así, de novo volves retratar na túa escrita esta clase social e os seus problemas. Quixeches reflectir, ademais, a esa probablemente maioría social que nin era franquista nin era parte da oposición, senón que só tentaba sobrevivir, e como moito consentía? Non estou seguro de ser a aventura de Nicolás unha historia típica de emigración. Eu considéroa máis ben un exemplo de superación e adaptación. Pero claro, el tende a intimar con esa clase social que dis, a clase traballadora, unha porque sinte que ese é o seu medio natural, e outra porque as circunstancias así o determinan. E, por outra banda, como ben indicas, Nicolás considera o franquismo o marco onde encaixar. Nin pensaba se aquel sistema resultaba xusto ou adecuado. Era, simplemente, onde lle tocara vivir. Unha das cuestións que aparecen no libro é a lingüística: a relación de Nicolás coa súa propia lingua e cultura. Por onde querías levar a reflexión, nun tempo, o actual, de ataques a ambas? A lingua é parte dun ser. Nesa lingua expresa as súas ideas, sentimentos e intencións. Nicolás ten conciencia deste feito e utiliza a lingua coma un instrumento. Vai a Madrid é emprega o galego para manter a ligazón coas súas orixes, pero tamén como método para transmitir inocencia, por exemplo, cando é necesario. En Cuba, mantén o uso da lingua para adquirir unha posición de dominio en determinados espazos, como pode ser a bodega. A importancia da lingua como elemento de idiosincrasia e diferenza é incuestionable malia os intentos actuais de banalización por parte dalgunhas poderosas organizacións e colectivos. Despois de Madrid chega a segunda emigración, esta vez a Cuba. E a súa non-relación con Raquel, a súa cuñada, é un conflito que o acompaña ata o final. O certo é que as súas relacións coas mulleres (agás a última), están sempre rodeadas de complicacións ben grandes. Por que? Nicolás edúcase nun contorno sinxelo onde priman as actitudes e os actos espontáneos. El compórtase en xeral con esa mesma naturalidade na maioría das situacións e tamén coas mulleres. Dalgún xeito, sente o poder da súa capacidade de sedución e aprovéitase dela por enriba das circunstancias, que sempre sitúa nun segundo lugar. Velaí que en moitas ocasións, esas circunstancias revélense en contra del e xurdan as complicacións. Coa parte de Cuba, contas algo dos primeiros momentos da revolución, e da pouca simpatía coa que a recibiron os emigrantes galegos, como empresarios que eran: dalgún xeito, traballadores que se converteran en parte da elite da illa. É así? Non exactamente. O círculo de Nicolás é, máis ben, o dos pequenos empresarios, posuidores de bodegas, despachos, taxis ou comercios. Eles prosperaron e levan unha vida satisfactoria. Toleran os excesos do réxime de Batista pois a Illa é un fervedoiro de actividade abeiro de oportunidades. Nicolás coñece a situación de miseria de moitos cubanos e outrosí de moitos emigrantes pero tamén sabe que a vida non é perfecta. O principal problema coa Revolución emerxe coas primeiras medidas do réxime castrista en contra da iniciativa privada e o comercio. Obrigado polas circunstancias volve a Galiza, onde non acaba de encontrarse cómodo (na Habana si se sentía totalmente integrado). Supoño que quixeches reflectir o sentimento de moitos emigrantes ao volver, non?De calquera que, tras unha estadía longa fóra da casa, termina por regresar. Sempre hai un período duro de axuste. Quen volve pouco ten que ver con aquel que marchou. Tamén mudan os que fican. As coordenadas altéranse, os equilibrios rachan e ata os lugares semellan ter cambiado de posición. Nada é como antes e nunca volverá a ser. De modo que o retornado debe reinventarse unha vez máis. Debe demostrar de novo o seu poder de adaptación, isto é, de supervivencia.

[...]
      ...
Ver noticia

Versos por amor


:      Armando Requeixo
25/03/2012

O filólogo Yago Rodríguez Yáñez atesoura xa unha non pequena traxectoria investigadora malia a súa trintena escasa. Mais nunca ata o de agora dera o salto de reunir en volume os seus versos, que, porén, si amosara de xeito ocasional en revistas e certames.

O resultado desta nova exploración literaria do escritor lucense é o poemario Déixame ancorar…, que publica Toxosoutos na súa ben asentada colección Letra Inversa.

Prologados polo seu amigo e colega de investigacións Carlos Gegúndez López, os poemas deste libro descóbrennos un romántico de novo cuño, que ten no amor e as súas vicisitudes o tema central —e case que único— destas composicións, inzadas de declaracións apaixonadas a un ti omnipresente, destinatario duns versos onde os afectos teñen nos eidos labregos, as singraduras marítimas e os territorios da beiramar os escenarios propicios para o canto namorado.

Neste sentido, a tradición coa que entroncan os versos de Rodríguez Yáñez é abondo transparente: os románticos ingleses (Coleridge, Wordsworth e, sobre todo e diante todos, o seu moi admirado John Keats, a quen dedicou diversos traballos académicos), Miguel Hernández e os poetas casteláns do 27 (nomeadamente Aleixandre, mais tamén certo Salinas e determinado Guillén) e, por suposto, os poetas de noso que lle son caros ao autor: Manuel María, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Fiz Vergara Vilariño, Bernardino Graña, Salvador García-Bodaño e, xaora, o moi próximo Darío Xohán Cabana.

Posuidor dun mapa léxico preciosista no que abundan as “rúas despoboadas”, as “raiolas do abrente”, o “canto dos paxaros”, as “neves eternas dos cumios”, a “corza namorada”, as “follas murchas”, a “escuma de auroras” ou a “pastora namorada”, Rodríguez Yáñez amósase tamén como un virtuoso do metro, canxando con habelencia sonetos varios e outras fórmulas estrófico-métricas de longa historia, que o confirman como un autor que alenta comodamente entre as voces de tempos idos que homenaxea e reescribe.

Procede, por tanto, o saúdo a este poeta novel, quen ofrece en Déixame ancorar… o froito primeiro dunha paixón lírica a considerar.

[...]
      ...
Ver noticia

Recuperando o noso léxico mariñeiro


:      Armando Requeixo
24/03/2012

En ocasións, a maridaxe entre un profesorado emprendedor que saiba estimular no seu alumnado a capacidade de (re)descubrimento dos saberes da súa contorna vital para integralos na aprendizaxe escolar e mais o pulo duns discentes motivados e dispostos a aprender a ciencia calada dos seus maiores e veciños produce felices resultados. É o caso do volume No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes náuticos, editado por Toxosoutos e elaborado colectivamente por un conxunto de trece profesores do IES Félix Muriel de Rianxo.

Moi amplo e documentado, este dicionario de verbas mariñeiras naceu a partir dun traballo de investigaciónterminolóxica do Equipo de Normalización Lingüística do amentado centro e desenvolveuse entre os cursos escolares do 2007 ao 2010.

Contando coa complicidade de carpinteiros de ribeira, mariñeiros e traballadores de estaleiros, o alumnado cumprimentou enquisas de vocabulario que logo foron depuradas e fixadas lexicograficamente polo profesorado coordinador, quen as dispuxo para a súa edición en campos temáticos, acompañándoas de numerosas ilustracións e mapas léxicos e engadindo, a maiores, á tradución de cada voz galega ao portugués, inglés, francés e castelán.

Un traballo este No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes naúticos modélico por canto amosa as extraordinarias posibilidades que poden xurdir do traballo compartido entre alumnado e profesorado, xuntos nesta ventureira angueira de recuperación do patrimonio lingüístico de noso, aquí definitivamente rescatado grazas á xenerosa aposta editorial de Toxosoutos.En ocasións, a maridaxe entre un profesorado emprendedor que saiba estimular no seu alumnado a capacidade de (re)descubrimento dos saberes da súa contorna vital para integralos na aprendizaxe escolar e mais o pulo duns discentes motivados e dispostos a aprender a ciencia calada dos seus maiores e veciños produce felices resultados. É o caso do volume No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes náuticos, editado por Toxosoutos e elaborado colectivamente por un conxunto de trece profesores do IES Félix Muriel de Rianxo.

Moi amplo e documentado, este dicionario de verbas mariñeiras naceu a partir dun traballo de investigaciónterminolóxica do Equipo de Normalización Lingüística do amentado centro e desenvolveuse entre os cursos escolares do 2007 ao 2010.

Contando coa complicidade de carpinteiros de ribeira, mariñeiros e traballadores de estaleiros, o alumnado cumprimentou enquisas de vocabulario que logo foron depuradas e fixadas lexicograficamente polo profesorado coordinador, quen as dispuxo para a súa edición en campos temáticos, acompañándoas de numerosas ilustracións e mapas léxicos e engadindo, a maiores, á tradución de cada voz galega ao portugués, inglés, francés e castelán.

Un traballo este No meu mar, na miña lingua. Léxico de embarcacións e deportes naúticos modélico por canto amosa as extraordinarias posibilidades que poden xurdir do traballo compartido entre alumnado e profesorado, xuntos nesta ventureira angueira de recuperación do patrimonio lingüístico de noso, aquí definitivamente rescatado grazas á xenerosa aposta editorial de Toxosoutos.

[...]
      ...
<< Anterior 1 ... 3 4 5 6 7 8 9 10 1112 13 14 15 16 17 18 19   ... 34 Seguinte >>