- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Imaxes dos homes de pedra


:      Daniel Salgado
11/06/2010


Son homes de pedra, estantes, muradellas, amanzóns. Amoreamentos con
aires de tótem e aura pagana pero de construción recente. Coas imaxes
fotográficas que Emilio Araúxo lles extraeu ao longo de 20 anos e os
textos do poeta francés Claude Royet-Journod, un libro recolle as
esculturas dos pastores da Serra de Queixa e o Val de Conso. "Son a
nosa cara de pedra", expón Araúxo (Coles, 1946), "veñen de lonxe e son
siluetas de voz queimada". Para o volume, que en setembro aparecerá
baixo o selo editorial Toxosoutos, o propio fotógrafo escolleu un longo
e explicativo título, disposto tipograficamente en vertical: Estantes,
amanzois, muradellas, homes de pedra e outros dos máis tempos nomes
perdidos de Queixa e do Val de Conso aumentados con algunhas frases de
Claude Royet-Jounord tiradas da nosa correspondencia
.

As peculiares construcións proceden do labor comunal dos coidadores
de gando. Das súas mans medraron estes monolitos anónimos -"os máis
deles non llos viron empezar a ninguén", explica Araúxo, "outros teñen
uns 50 anos"- que puntúan os cordais ourensáns. Pero non só. Estes
acenos de pedra tamén agroman na Serra da Estrela ou na Serra Amarela,
de Portugal, en Francia, Alemaña, Irlanda ou en Canadá, Groenlandia,
Mongolia ou o Xapón.

"Estas pedras chairas que se erguen como
enigmáticos tótems", arrinca o seu escrito Claude Royet-Jounord (Lyon,
1941), "ou mesmo pregarias, libros amoreados para unha lectura futura e
improbábel". O francés, traducido ao galego e editado por Araúxo en
Amastra-n-gallar, elabora unha prosa que asexa o inestábel sentido dos
estantes de pedra dunha perspectiva poética, fundada en Mallarmé:
"Espetadas na terra e erguéndose como unha arma, láminas de pedra
forman unha moi estraña procesión nese lugar devastado".

Da admiración de Emilio Araúxo por Uxío Novoneyra emerxeron as conversas de Dos soños teimosos. E neste rexistro dos homes de pedra ecoa o materialismo toponímico dos poemas d"Os Eidos:
"No libro [70 fotos] espellan o amanzón do Lombo de Aceal, do Tombeiro
do Cágado, as muradellas da Cagalla, o home de pedra do Corgo do
Cabalo, as Aguilladas...". Son outros rastros para o labor do escritor
Araúxo: testemuñar a desparición da vida rural.



<<       > <