Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Aurora Lestón arroxa luz sobre a figura do vákner


Autor:      M.X. Blanco
12/04/2011

O vákner, unha das figura
mitolóxicas máis misteriosas do imaxinario galego, documentada sobre
todo nas lendas de tradición oral da zona de Cee e Fisterra, foi o tema
elixido pola escritora muradá Aurora Lestón Mayo para darlle forma a
un libro. Trátase dunha obra que ven de ver a luz no marco dunha
colección de referencia dentro dos estudos celtolóxicos: a serie Keltia
da editorial Toxosoutos.

Coa
súa obra, titulada O vákner e o dragón, a autora tenta ofrecer unha
explicación plausible da figura mitolóxica e da súa posible
identificación cun dragón. Para iso, fai un exhaustivo repaso da
presenza deste animal nos relatos míticos da Biblia, da épica medieval,
das cantigas e da literatura de tradición oral. Todo coa pretensión de
construír unha hipótese que identifica a figura do vákner co fáfner, o
dragón por excelencia das culturas xermánica e escandinava.

O
froito desta investigación e as conclusións ás que chegou a escritora
de Muros foi presentado o pasado fin de semana na casa de cultura de
Esteiro, nun acto promovido pola asociación Barbantia. Alí estaban,
ademais da autora e da secretaria do colectivo cultural barbancés,
Milagros Torrado; o director de Toxosoutos, David González Couso; o
catedrático Fernando Alonso Romero; e a concelleira de Cultura, Laura
Eiras.

Foi
a edila a que se encargou de darlle a benvida aos presentes, ao tempo
que puxo de manifesto a súa ledicia por contar cunha investigadora da
categoría de Aurora no municipio de Muros. Logo tomou a palabra David
González, que enxalzou a enorme calidade da obra presentada, unha
opinión abalada polas insuperables críticas que ven de recibir.

Orixinal investigación

Tanto
Milagros Torrado como Fernando Alonso fixeron fincapé no feito de que
Lestón, licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago,
se decidise por investigar o mundo da cultura e do folclore. O
catedrático, que tamén é director da tese da muradá, encomiou o
potencial da escritora e citou algunhas das pasaxes do libro.

Pola
súa banda, despois de agradecer a colaboración prestada polas
distintas partes representadas no acto, a autora falou do proceso que a
levou á culminación do libro. Tamén expresou a súa satisfacción por
poder publicar en Toxosoutos, editorial dirixida anteriormente por Xosé
Agrelo, que precisamente foi mestre de Aurora.

A
recta final do acto celebrado en Esteiro estivo protagonizada polo
fillo que espera a investigadora de Muros, embarazada de sete meses.
Milagros Torrado fíxolle entrega dunha camisiña cun debuxo dun dragón,
na que se podía ler «pequeno cazador de dragóns», como a escritora é
alcumada polo profesor Alonso Romero.

O público asistente ao acto recibiu un exemplar do libro, agasallo do Concello de Muros, que mercou douscentos.