Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

O sorriso da morte


Autor:      Armando Requeixo
30/10/2012

A loucura e vesania hitleriana que se apoderou da Alemaña do primeiro terzo do pasado século é o pano de fondo no que se moven os personaxes da novela curta O sorriso de Hitler, asinada polo profesor vigués Xosé Alfredo Nan Fernández e gañadora do último Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos.

Publicada por Toxosoutos na súa colección Nume, O sorriso de Hitler é, sobre todo, unha escusa para repensar os límites da barbarie humana, a capacidade brutal para a crueldade da que somos capaces, mesmo, e sobre todo, coa nosa propia especie.

Esta narración de semellanzas físicas, campos de exterminio, komandants fanáticos, aberrantes experimentos científicos, letais partidas de xadrez e cabezas reducidas ve luz acompañada das impactantes imaxes de Manuel Ayaso e confirma o camiño ascendente de Nan Fernández, quen xa gañara con anterioridade algúns outros meritorios galardóns (Modesto R. Figueiredo, Ánxel Fole…) e que a través deste longo relato recupera para nós as tan témeras coma reais lembranzas da guerra contra o xenocida xermano e o seu remate naquel búnker de infausta memoria.

Na liña de moitas e ben coñecidas narracións fílmicas e televisivas, O sorriso de Hitlerregresa a un espazo argumental e temático aberto hai anos entre nós por Pilar Buela e o seu magnífico Ácaros verdes (2003), que ten agora neste O sorriso de Hitler un novo compañeiro de viaxe polos arrepiantes territorios da estarrecedora lembranza nazi.