Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

A LITERATURA HAI DOUS MIL ANOS


Autor:      Daniel Salgado
28/10/2011

A literatura clásica continúa a emitir sinais descifrábeis no tempo en
que o capital non dá recuperado a taxa de gaño. Hai dous mil, tres mil
anos, que Publio Virxilio Marón redactaba un poema, a cuarta bucólica,
practicamente contemporáneo: "Xa chega o final dos tempos que Sibila
agoirara / Un grande ciclo de séculos de novo comeza". E se Virxilio,
aquel que guiou a Dante polo inferno, ecoa de novo en galego, é grazas
ao labor de tradución de Xoán Fuentes Castro. O poeta escribiu as Bucólicas
en latín 50 anos antes de que Xesucristo entrase no escenario da
historia e agora, na edición que Toxosoutos vén de enviar ás librarías,
conforman o último episodio do trasvase entre as letras grecolatinas do
mundo antigo e o galego actual. Castro (O Grove, 1932) escapa do
funcionalismo. "Ás veces fanse cousas que non son necesarias, pero que
nos dan unha visión diferente da vida, do que fomos e do que puidemos
ser", expón. El, que xa pasou ao galego o Lingüística e colonialismo de Louis-Jean Calvet ou o Tractatus de Wittgenstein, confesa que si, que ama a Virxilio -de próxima publicación é a súa versión da Eneida e xa comezou coas Xeórxicas-
pero que, porén, non o considera "o pai de Occidente". Si unha figura
esencial na "configuración moral" de Europa. Tan esencial que o
profesor Xosé Antón López Silva tamén ultima a súa traslación da Eneida
e as traducións parciais ao galego do poeta campesiño sucedéronse dende
que, en 1898, Florencio Vaamonde Lores abriu a billa. "No meu labor de
tradución tamén hai o aspecto de ser galego", xustifica Fuentes Castro,
"porque, ademais, non hai tradución sistematica á nosa lingua". Co
punto morto ao que chegou a colección Clásicos en Galego, titelada polo
latinista Manuel Díaz y Díaz (1924-2008) e partillada pola Xunta e a
editorial Galaxia, ninguén se ocupa de reinterpretar para o galego o
susbtrato da cultura occidental. "En calquera outro país, proliferan as
traducións de clásicos", explica a profesora da Universidade de
Santiago Helena de Carlos (Cenlle, 1964). Mesmo en linguas sen Estado
que as ampare: a serie Bernat Metge, fundada por Francesc Cambó, leva
dende 1923 acollendo as versións catalás dos escritores da Grecia
antiga e da Roma imperial. "En España, a situación só comezou a variar
coas edicións de Gredos, que sobre todo son valiosas pola súa gran
amplitude de textos", engade.