- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Nova voces, máis camiños


:      Ramón Nicolás
10/11/2012

É un luxo volver a ollada á colección narrativa na que, durante moitos anos, Ediciós do Castro veu dando a coñecer os relatos galardoados dun certame como é o “Modesto R. Figueirido”, concurso que gañou a pulso un lugar preferente nas convocatorias anuais de premios literarios. Atesóuranse aí ineludibles e extraordinarias voces que foron asentándose, malia que algunhas delas talvez fosen quedando no camiño, no panorama da nosa creación en prosa ao longo de case os últimos corenta anos. É moi longa a nómina de textos galardoados, abofé, pero non quixera deixar de subliñar que desde este chanzo prestixioso transitaron xentes do mundo literario que hoxe en día seguen a vivificar e representar parte do mellor das nosas letras.

       A desaparición de Ediciós do Castro como tal e o pasamento de Isaac Díaz Pardo engadiron o efecto colateral da interrupción da publicación destas compilacións de relatos curtos. Entendo como unha aposta para non deixar morrer o proxecto, así pois, queToxosoutos decidise adoptar a iniciativa de sumar ao seu catálogo as narracións premiadas en 2010 e 2011, abrindo deste xeito unha nova e esperanzadora etapa de colaboración entre a Fundación Pedrón e Ouro e a editoral noiesa, algo polo que cómpre felicitarse.

     Ademais, esta edición goza dun atractivo especial ao contemplar un estudo previo a cargo de Xosé Ramón Fandiño Veiga no que, entre outros extremos arredor da historia do premio, inclúe unha útil relación de premios, xurados e concellos patrocinadores das trinta e sete ininterrompidas convocatorias, ficando constancia aí das máis de cen voces galardoadas ata o de agora. Sen dúbida, unha valoración cumprida do que se premiou e quen o premiou deitaría algunhas conclusións moi interesantes, mesmo de corte sociolóxico, que non é momento de abordar aquí.

     Mais cómpre falar dos relatos galardoados, malia que sexa brevemente. A edición de 2010 acadouna Xosé A. Naz Fernández, cunha proposta que afonda, con axilidade e excelente documentación, na temática histórica; do mesmo autor incorpórase outro texto co que acadou un accésit onde o máis relevante me parece o suxestivo xogo de perspectivas narrativas que exhibe; Clara do Roxo ofrece, pola súa parte, unha historia sustentada nunha borrascosa relación entre unha nai e mais a súa filla, que serve para revelar claves dun pasado doloroso. Completan esta primeira entrega dignos e interesantes relatos de Francisco Castiñeira, Alberte Momán e F.R. Lavandeira

     Por último, a edición de 2011 comeza coa proposta de Amancio Liñares Giraut, a meu entender unha verdadeira novela curta como as tres premiadas nesta ocasión, quen con ironía, aguillón crítico e unha estrutura acaída, relata vivencias a cabalo entre os EUA e Galicia desde o pensamento dunha curiosa protagonista. Pola súa parte, Ledicia Costas déixanos unha intensa historia de fondo calado social e de moitos soños rotos personificados nunha muller sometida a vexacións e, por último,  é Xaime Domínguez Toxo quen se achega aos eidos dunha distopía construída desde os alicerces que ofrecen os conceptos de destrución, soidade e incomunicación.

       Os meus desexos de boa andaina para estes galardóns e oxalá continúe este proxecto en anos sucesivos.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas», de La Voz de Galicia, o 10 de novembro de 2012, baixo o título de «Novas voces, máis camiños».





<<       > <