- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Versos por amor


:      Armando Requeixo
25/03/2012

O filólogo Yago Rodríguez Yáñez atesoura xa unha non pequena traxectoria investigadora malia a súa trintena escasa. Mais nunca ata o de agora dera o salto de reunir en volume os seus versos, que, porén, si amosara de xeito ocasional en revistas e certames.

O resultado desta nova exploración literaria do escritor lucense é o poemario Déixame ancorar…, que publica Toxosoutos na súa ben asentada colección Letra Inversa.

Prologados polo seu amigo e colega de investigacións Carlos Gegúndez López, os poemas deste libro descóbrennos un romántico de novo cuño, que ten no amor e as súas vicisitudes o tema central —e case que único— destas composicións, inzadas de declaracións apaixonadas a un ti omnipresente, destinatario duns versos onde os afectos teñen nos eidos labregos, as singraduras marítimas e os territorios da beiramar os escenarios propicios para o canto namorado.

Neste sentido, a tradición coa que entroncan os versos de Rodríguez Yáñez é abondo transparente: os románticos ingleses (Coleridge, Wordsworth e, sobre todo e diante todos, o seu moi admirado John Keats, a quen dedicou diversos traballos académicos), Miguel Hernández e os poetas casteláns do 27 (nomeadamente Aleixandre, mais tamén certo Salinas e determinado Guillén) e, por suposto, os poetas de noso que lle son caros ao autor: Manuel María, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Fiz Vergara Vilariño, Bernardino Graña, Salvador García-Bodaño e, xaora, o moi próximo Darío Xohán Cabana.

Posuidor dun mapa léxico preciosista no que abundan as “rúas despoboadas”, as “raiolas do abrente”, o “canto dos paxaros”, as “neves eternas dos cumios”, a “corza namorada”, as “follas murchas”, a “escuma de auroras” ou a “pastora namorada”, Rodríguez Yáñez amósase tamén como un virtuoso do metro, canxando con habelencia sonetos varios e outras fórmulas estrófico-métricas de longa historia, que o confirman como un autor que alenta comodamente entre as voces de tempos idos que homenaxea e reescribe.

Procede, por tanto, o saúdo a este poeta novel, quen ofrece en Déixame ancorar… o froito primeiro dunha paixón lírica a considerar.





<<       > <