- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Máis alá da razón


:      Ramón Nicolás
23/06/2012


Isidro Novo talvez non ocupe, por esforzo, dedicación e amplo currículo literario, o lugar que realmente este lugués de nación merecería. Aos seus  libros de poesía, ensaios, columnas de opinión en diversos soportes xornalísticos, algunha tradución ou iniciativas para preservar o tesouro do idioma como “Palabras con memoria”, esa última co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, súmaselle unha delongada traxectoria no ámbito da narrativa espellada nalgúns libros de relatos, crónicas de viaxes literarias  e varias novelas, entre ás que se lles vén engadir arestora esteSinistra deixa, que acaba de ver a luz no selo noiés Toxosoutos.

     Abéirase Isidro Novo, nesta ocasión, a un xénero talvez non moi transitado nas letras galegas mais de ampla proxección popular como son os sucesos de corte paranormal, incardinados nunha historia na que se paira a vontade de reconstruír a identidade familiar a partir dun feito concreto como é o de comezar a habitar un pazo enmeigado que foi recibido como unha herdanza inesperada. Desde ese momento o libro incorpora fragmentos de filiación confesional, a xeito de diario, con outros que resultan operativos para reconstruír un personaxe de inequívoca e intensísima existencia aventureira, en quen reside a clave que explica eses acontecementos cuxa xeración vai máis alá da razón.

      Particularmente non me interesou tanto o plano protagonizado por Delio Freixeiro pois nel se advirte unha lucidez un tanto sorprendente para relatar as experiencias que dificilmente soporta derivadas da práctica de maxia negra das que é obxecto, malia recoñecer un intenso traballo de documentación que ademais se proxecta no seo dunha expresión narrativa moi próxima ao cinematográfico: estigmas que sangran, ruídos estraños, pasos de alguén que non se ve, miraxes, alucinacións, elementos que mudan a súa disposición, portas que se abren e pechan, levitacións de obxectos, violacións por parte dun íncubo… Resultoume, en tal caso, máis atractivo aqueloutro plano en que se relatan as vivencias, conversas, investigacións e relacións sentimentais levadas da man de Procopio Conceiçao, pois é este personaxe quen vai debullando datos sobre Reimunde Grandal, se cadra o auténtico protagonista da novela, afondando nos elementos cruciais da súa personalidade, nas súas orixes ou no rápido poder asimilatorio de todo o que se relaciona con crenzas de carácter animista, nomeadamente coa chamada “Regra de Oxá”, coa filosofía“yoruba” ou co aprehendido do seu contacto cos xamáns americanos, ao que se engade algunha referencia aos chamados “agotes”: artesáns, discriminados socialmente, que se dedicaban a traballar a pedra e mais a madeira e, anos despois, o ferro.

     En suma, unha proposta narrativa intensa, en xeral ben resolta  e, ao meu ver,  concibida para un amplo público que ademais, estou certo, daría nun inmellorable guión cinematográfico.

Esta recensión publicouse, o 23 de xuño de 2012, nas páxinas do suplemento «Culturas» deLa Voz en Galicia, baixo o título de «Máis alá da razón» (reproduzo aquí a versión íntegra).






<<       > <