Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Rip Van Winkle


Autor:      Ramón Nicolás
22/09/2011

Como un acerto cualifico a aparición no mercado galego dunha edición bilingüe inglés-galego de Rip van Winkle, de Washington Irving, que chega da man de Toxosoutos,
en fluída tradución de David G. Couso e cun acaído e clarificador
limiar a cargo de Milagros Torrado, sen esquecer as ilustracións de
Vault.


   Este título, do que adoita ser
considerado o primeiro escritor profesional  estadounidense e talvez
máis coñecido polos seus célebres Contos da Alhambra   (1832),
resulta ben curioso por recrear unha historia sinxela que tanto lembra,
por outro lado, esa extraordinaria composición poética da tradición
galego-portuguesa medieval das Cantigas de Santa María que comezaba: "Como
Santa María feze estar o monje trezentos anos ao canto da passarya,
porque lle pedía que lle mostrasse qual era o ben que avian os que eran
en Paraíso"
e que lle servira ao polígrafo pontevedrés Filgueira Valverde para se para se doutorar co título de La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval.


   Desposuída do matiz relixioso, a
lenda vén sendo a mesma aínda que no libro de Irving, loxicamente, o
contexto é diferente. En Rip van Winkle deséñase unha época
inmediatamente anterior á Guerra de Independencia estadounidense cando o
protagonista, de ascendencia holandesa, escapa da súa casa. Ao final
desa aventura, tras inxerir unha beberaxe ficará durmido e, ao acordar,
irá decatándose de que pasaron vinte anos e que xa nada é o mesmo.
Cualificado durante algún tempo como un conto infantil, son da opinión
que, sen deixar de selo, é este un volume que ofrece distintos niveis de
lectura como a análise das relacións familiares, o devezo por modificar
o estado das cousas e, xaora, a reflexión sobre o propio paso do tempo.
Existe, entre outras, unha recreación televisiva, dirixida por Francis
Ford Coppola, que recomendo vivamente e que pode ser un magnífico
complemento á lectura