Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

Derradeiras horas de Juana Capdevielle


Autor:      Armando Requeixo
09/09/2011

A morte de Juana Capdevielle aconteceu de xeito tan agónico e brutal
que o puro relato documental da mesma constitúe xa de por si, sen
aditamento ningún de ficción, unha verdadeira traxedia. Nada máis
esperable, pois, que alguén, algún día, se decidise por converter aquel
tristísimo episodio nunha novela.

Iso debeu pensar Vicente Piñeiro González, autor da recente Asasinos, asasinos, asasinos!, onde con nobre empeño narra as dúas últimas horas de vida da intelectual republicana.

Juana
Capdevielle, muller que fora de Francisco Pérez Carballo (gobernador
civil republicano da Coruña, a quen mataron os fascistas sublevados),
resultou pronto persoa non grata para as novas autoridades
profranquistas, quen vían nela unha dobre mácula: ser viúva de quen era
e profesar como intelectual liberal e republicana de prestixio.

O
asasinato perpetrado contra ela adquiriu, sen dúbida, carácter de
vendetta exemplarizante: apresada na Coruña, foi levada en auto durante
case un cento de quilómetros para ser tiroteada nunha gabia de Rábade,
vila próxima á capital lucense, onde ficou sen vida e —extrema
iniquidade— sen poder chegar a dála, pois ía encinta.

Asasinato tan inhumano é o que Vicente Piñeiro quixo recrear a través do seu monólogo Asasinos, asasinos, asasinos!,
pois esas dúas derradeiras horas en coche e a lembranza que da súa
vida e circunstancias puido chegar a facer nelas Juana Capdevielle é o
que conforma a cerna narrativa deste libro, que conta, amais, cun amplo
capítulo introdutorio de carácter ensaístico asinado polo propio
autor.

O valor desta obra cómpre
procuralo non tanto nos posibles acertos literarios coma na admirable
recreación dun suceso que merecía gardarse, tamén si, como memoria
ficcionada. Por iso, que en Asasinos, asasinos, asasinos!
poida máis o pulo historicista do docudrama non impide recoñecer nel o
acerto de recuperar e reactualizar para as novas xeracións unha
historia que clamaba por ser rescatada do esquecemento.

Benia
a Vicente Piñeiro e aos seus editores noieses de Toxosoutos, pois
libros como este recórdannos que a literatura, amais de para outro
milleiro de cousas, tamén serve para manter aceso o facho da dignidade
humana.