- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

A CHUVIA HUMANA


:      Armando Requeixo
13/03/2012

Agora ben, sendo as dúas anteriores propostas de calidade para as idades e comprensións lectoras que lles acaen, non me cabe dúbida de que a máis acabada das tres publicacións é A chuvia humana, poemario bipartito onde a aforística de condensación epigramática alterna cos versos rememorativos de tempos e lugares idos.

Así, en “Arte de chover” Caride Ogando desprega toda a súa inven(c)tiva retranqueira, xogando cos dobres sentidos, ambigüidades, anfiboloxías, oxímoros e outros recursos afíns, que vai salferindo en apotegmas, máximas, sentenzas e adaxios de indubidable poder revelador, nos que o humor e a ironía se fan omnipresentes.

Moi outra é a fasquía de “Pegadas e ronseis”, unha ducia de composicións nacidas da lembranza do Ourense da infancia e doutros espazos vencellados á biografía do autor, ben por ter pasado neles un tempo (Valencia) ben por residir neles nalgún momento (Cambados) ou mesmo por terse achegado a estes de visita (Irlanda, O Courel). En conxunto, preside estes versos un ton de íntima confesión, evocador e elexíaco, que tenta atrapar no imposible trueiro do tempo fuxidío instantes felices do pasado que regresan á luz da memoria.





<<       > <