Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

“As palabras caen en terra seca, é tempo de pasar á acción”


Autor:      Montse Dopico
02/04/2012

arcelino Fernández Mallo acaba de presentar a súa nova novela, ‘Pallarega’ (Toxosoutos). Froito de sete anos de traballo, a obra acompaña o proceso de superación e desenvolvemento persoal de Nicolás, un rapaz criado no franquismo que, coma moitos outros membros da súa xeración, tira para adiante sendo quen de manter a súa autonomía de criterio por enriba da propaganda ideolóxica oficial. Non é un heroe, senón máis ben un supervivente, que non se cuestiona moito sobre a xustiza dos réximes ditatoriais cos que convive. Coma tantos outros.

Nada máis abrir o teu blog, vexo que pecha, precisamente polo día da folga. E pecha con "Pallarega". Por que? 
‘A trenza’ naceu continuando o blog que creara para a promoción da novela. Ó acadar certa atención, pensei que podía ser unha boa idea manter o blog como complemento do meu labor daquela nos medios. Eu colaboraba en Vieiros, Xornal, na Radio Galega e algún outro. Viviamos en Galicia un momento de apertura, de expectación, de creatividade... Había moitos proxectos en marcha, ideas, folgos. Dalgún xeito, sentía a necesidade de dispersión, de tocar moitos paus distintos, de participar. Hoxe xustamente sinto o contrario, que debo concentrar os esforzos. Coido que as palabras e os discursos caen en terra seca, que é tempo de pasar á acción, de facer, de dar un paso adiante. E iso é o que vou tentar: concentrarme nun proxecto que contribúa á recuperación económica do País, modesta pero enerxicamente. 

Dalgún xeito o libro é unha homenaxe a unha xeración, dis, "admirable", criada na ditadura e capaz de loitar, resistir, ir alén da submisión e a ignorancia na que querían confinalos. Podes explicar un pouco máis isto? 
Para os galegos nacidos nos anos 20 e 30, o mínimo nivel de educación foilles un ben de luxo. Ademais de medrar nunha contorna de carencias enormes, foron sometidos a un ambiente de represión xa non física, senón sobre todo espiritual, emocional e intelectual, malia o cal souberon conservar o seu talento innato e mesmo prepararse inconscientemente para a transformación que haberían experimentar no ocaso das súas vidas. Por todo isto, coido que son unha xeración a reivindicar e a recoñecer.  

Como te documentaches sobre os feitos históricos que citas na novela? 
A novela é produto de sete anos de planificación, documentación e redacción. Quero dicir que, con independencia do resultado, hai moito traballiño detrás. As fontes foron múltiples, dende entrevistas persoais, ata pescuda en arquivos pasando por visitas aos escenarios principais e moita lectura relacionada, por suposto. Sobre a Cuba de Battista debín ler media ducia de libros, por exemplo.  

Aínda que non saibas exactamente como xorde, si da a impresión de que  houbo personaxes reais que a inspiraron. É así? Cales foron? 
Como case sempre, claro; a mellor maneira de transmitir verosimilitude é levando á fición caracteres e feitos obtidos da vida real, modificando habitualmente os seus perfís para adaptalos á historia. A familia foi un caudal de inspiración importante, así como algúns personaxes de forte pegada que me marcaron cando neno nas estadías en Viveiro, a terra de meu pai. 

Comeza a novela cunha parte totalmente coral, na que se nos presentan todos os personaxes da aldea. No resto das partes, a historia focalízase en Nicolás -que o conta todo en primeira persoa-. Como concibiches esta estrutura? 
Isto ten relación cunha pregunta anterior. O plan era amosar un ambiente primixenio rudo, sinxelo e básico, que aparentemente mutilaba as capacidades de desenvolvemento da persoa, e contrastar esa contorna coas posteriores, complexas e variadas, nas cales o protagonista debe conseguir sobrevivir. 

Na primeira parte asistimos á infancia do protagonista. Estala a guerra e el non comprende nada. Tentan adoutrinalo na escola, pero el nunca acaba de crer o que lle contan. De feito, ao final do libro rexeita, por exemplo, a beatería relixiosa. Non é unha persoa moi ideoloxizada, pero creo que si nos querías contar a historia dun home que era quen de pensar por si mesmo, malia a ditatura. É así? 
Absolutamente. Nicolás é, sobre todo, fillo dos seus pais, que marcan o ritmo do que ocorre na aldea e son quen de amosar grandes calidades humanas non so no eido das emocións, senón tamén na xestión da súa facenda e das relacións coa contorna. Dende os primeiros anos, Nicolás demostra capacidades perceptivas, un espírito independente e un talento salientable que explotará ó longo da novela en ambientes ben heteroxéneos.  

Despois a novela convértese nunha historia de emigración -da clase traballadora-. Faise militar e vai traballar cun xeneral carlista. Así, de novo volves retratar na túa escrita esta clase social e os seus problemas. Quixeches reflectir, ademais, a esa probablemente maioría social que nin era franquista nin era parte da oposición, senón que só tentaba sobrevivir, e como moito consentía? 
Non estou seguro de ser a aventura de Nicolás unha historia típica de emigración. Eu considéroa máis ben un exemplo de superación e adaptación. Pero claro, el tende a intimar con esa clase social que dis, a clase traballadora, unha porque sinte que ese é o seu medio natural, e outra porque as circunstancias así o determinan. E, por outra banda, como ben indicas, Nicolás considera o franquismo o marco onde encaixar. Nin pensaba se aquel sistema resultaba xusto ou adecuado. Era, simplemente, onde lle tocara vivir. 

Unha das cuestións que aparecen no libro é a lingüística: a relación de Nicolás coa súa propia lingua e cultura. Por onde querías levar a reflexión, nun tempo, o actual, de ataques a ambas? 
A lingua é parte dun ser. Nesa lingua expresa as súas ideas, sentimentos e intencións. Nicolás ten conciencia deste feito e utiliza a lingua coma un instrumento. Vai a Madrid é emprega o galego para manter a ligazón coas súas orixes, pero tamén como método para transmitir inocencia, por exemplo, cando é necesario. En Cuba, mantén o uso da lingua para adquirir unha posición de dominio en determinados espazos, como pode ser a bodega. A importancia da lingua como elemento de idiosincrasia e diferenza é incuestionable malia os intentos actuais de banalización por parte dalgunhas poderosas organizacións e colectivos. 

Despois de Madrid chega a segunda emigración, esta vez a Cuba. E a súa non-relación con Raquel, a súa cuñada, é un conflito que o acompaña ata o final. O certo é que as súas relacións coas mulleres (agás a última), están sempre rodeadas de complicacións ben grandes. Por que? 
Nicolás edúcase nun contorno sinxelo onde priman as actitudes e os actos espontáneos. El compórtase en xeral con esa mesma naturalidade na maioría das situacións e tamén coas mulleres. Dalgún xeito, sente o poder da súa capacidade de sedución e aprovéitase dela por enriba das circunstancias, que sempre sitúa nun segundo lugar. Velaí que en moitas ocasións, esas circunstancias revélense en contra del e xurdan as complicacións. 

Coa parte de Cuba, contas algo dos primeiros momentos da revolución, e da pouca simpatía coa que a recibiron os emigrantes galegos, como empresarios que eran: dalgún xeito, traballadores que se converteran en parte da elite da illa. É así? 
Non exactamente. O círculo de Nicolás é, máis ben, o dos pequenos empresarios, posuidores de bodegas, despachos, taxis ou comercios. Eles prosperaron e levan unha vida satisfactoria. Toleran os excesos do réxime de Batista pois a Illa é un fervedoiro de actividade abeiro de oportunidades. Nicolás coñece a situación de miseria de moitos cubanos e outrosí de moitos emigrantes pero tamén sabe que a vida non é perfecta. O principal problema coa Revolución emerxe coas primeiras medidas do réxime castrista en contra da iniciativa privada e o comercio. 

Obrigado polas circunstancias volve a Galiza, onde non acaba de encontrarse cómodo (na Habana si se sentía totalmente integrado). Supoño que quixeches reflectir o sentimento de moitos emigrantes ao volver, non?
De calquera que, tras unha estadía longa fóra da casa, termina por regresar. Sempre hai un período duro de axuste. Quen volve pouco ten que ver con aquel que marchou. Tamén mudan os que fican. As coordenadas altéranse, os equilibrios rachan e ata os lugares semellan ter cambiado de posición. Nada é como antes e nunca volverá a ser. De modo que o retornado debe reinventarse unha vez máis. Debe demostrar de novo o seu poder de adaptación, isto é, de supervivencia.