Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Breizh


Autor:      Ramón Nicolás
28/12/2012

Recibo, con ilusión e moita satisfacción, o último libro deMiro Villar titulado Breizh, que publica Toxosoutos, e non é menor nin a ilusión nin a satisfacción que me envolve logo da súa lectura. As razóns son de diversa índole e debullo agora só algunhas delas.

      Sabía, por diversos motivos, da querenza de Miro Villar pola fórmula dos haikus, mesmo coñecía algúns deles que o profesor ceense chegara a me enviar xenerosamente para formar parte dun libro de homenaxe a Lueiro, aínda non nato pero que agardo este vindeiro 2013 poida, finalmente, ver a luz. Aquelas probas, mesmo olladas individualmente, facían pensar na excelencia que o autor acadara nesta formulación poética, algo que que non é nin doado nin tampouco sinxelo.

      Incorporados aqueles textos, xunto con bastantes outros, a este Breizh cobran cabal sentido pois o poemario articúlase como unha viaxe onde cada verso, cada haiku, supón un avance que percorre un territorio físico, xeográfico, inclusive identitario, mais tamén persoal, singularizado e privativo do autor. Ao reseñador, neste caso, quédanlle moi poucas cousas que dicir pois o  volume vén precedido por unhas páxinas limiares, ao meu ver de lectura obrigada, que informan, clarexan e dispoñen a lectura de tal xeito que todo o que se engada aquí non sería orixinal nin sequera preciso. As primeiras reflexións subscríbeas Xosé María Lema Súarez,  que se responsabiliza, alén de subliñar a condición fisterrá do autor, de revelar as fontes de inspiración de Villar evocando, asemade, esa singradura compartida cara a descuberta de novas fisterras, espazos tripados no seu día por Castelao, entre outros, e agora revividos e ollados literariamente desde outras perspectivas.