- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Rodríguez Fer: "Seremos universais se non renunciamos a ser galegos"


:      Xornal de Galicia
11/08/2011

Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) vén de reunir en Toxosoutos a súa narrativa completa no volume Contos e descontos.
Hai uns días presentou este libro na Feira do Libro da Coruña.
Recoñecido poeta e brillante investigador, Rodríguez Fer tamén cultivou a
narrativa dende a máis pura adolescencia. Non é un home de amplas
novelas e longas historias. Iso non é o que pretende acadar cando se
enfronta á páxina en branco. "Na vida busco intensidade", admite. Iso
está na poesía e na narrativa breve, neses relatos nos que só se pode
ler a súa esencia, sen adornos barrocos nin grandes parágrafos. En Contos e descontos,
reúnese toda a obra narrativa que publicou até o momento. Dende a
primeira páxina até a última, atópase a intensidade que Rodríguez Fer
busca tanto na vida como na literatura.


 


Vostede é principalmente coñecido por ser un reputado poeta e
un respectado investigador. A súa faceta de narrador quedou demasiado
eclipsada? 


Cualitativamente son a mesma persoa e o mesmo autor cando escribo
ensaio, narrativa ou poesía. Non creo moito na distinción de xéneros,
que no meu caso se encabalgan bastante. Cuantitativamente, non cabe
dúbida de que publiquei moitos máis libros de poesía e de investigación
que de narrativa. En realidade, en narrativa só publiquei dous libros: Meta-relatos, nos anos oitenta, e Os paraísos eróticos,
nos anos 2000. De poesía e de ensaio, pois publiquei ducias. A miña
obra narrativa é máis reducida, pero comecei a cultivala na
adolescencia. Por exemplo, para este volume recuperei un libro que
escribira antes de cumprir vinte anos. Tamén incluín un conto inédito.
Toda esta narrativa completa inclúe iso: dous libros publicados, unha
obra adolescente e un conto inédito.


 


Ese libro adolescente chámase Prometeo adolescente. Como é enfrontarse a un texto tan primario e iniciático coa perspectiva que dá?


Foi extraordinariamente sorprendente. Ese libro xa o tiña, en boa
medida, esquecido. As lembranzas tamén fixeron que o tivese deformado na
miña memoria. Algúns dos seus contos sorprendíanme porque estaban
totalmente esquecidos por min. Outros, que podía lembrar máis ou menos,
sorprendíanme con aspectos formais. Por momentos parecían escritos por
outra persoa. Hai que ter en conta que son contos escritos entre os 16 e
os 20 anos. Unha cousa que tamén me sorprendeu é que de min sempre
dixeron que cultivei o microrrelato dende os anos oitenta. É un
subxénero no que sempre me sentín cómodo pola súa proximidade á prosa
poética. Pero a realidade, recuperando este libro adolescente, é que xa
escribía microrrelato moito antes. Por exemplo, os primeiros relatos que
aparecen no libro son Un can para a creación dun mundo ou Inciso do Che Guevara e
son relatos de menos dunha páxina. Son relatos verdadeiramente moi
breves. Logo hai outros textos máis extensos que forman o que chamei Ciclo de Ión,
que ten como protagonista un ente astral chamado Ión, que é unha
personaxe mitolóxica. Son relatos máis extensos que buscan crear
universos con compoñentes fantásticos e con clara influencia dos contos
de Poe, Lovecraft, Borges e Cortázar, que lía por aquela época.
Finalmente, hai outros contos referidos á Guerra Civil, a posguerra e a
transición que escribín nos tempos nos que fun estudar a Santiago, entre
os 18 e 20 anos.  Son contos máis de mozo, dun mozo que tiña ideas
revolucionarias absolutamente antifascistas e que tiña un espírito
libertario.


 


A memoria histórica é un elemento destacado dentro da súa
obra. É un asunto moi presente na literatura galega e que se tratou de
moitas formas. É un tema que hai que seguir tratando pero, se cadra,
dende outras perspectivas?


Para min a memoria histórica foi sempre memoria viva, xa que son
fillo de pai represaliado e movinme sempre nese ámbito. Eu non cheguei á
memoria histórica dende o partidismo político nin tomei unha decisión
literaria para tratar ese tema. Non foi que eu elixise o tema da Guerra
Civil como campo de investigación ou como musa literaria. Realmente a
Guerra Civil escolleume a min, porque son fillo dun represaliado e
crieime en tempos da ditadura franquista. Non podía ser alleo a esa
preocupación. Neste libro rescato, como xa dixen, relatos da miña
adolescencia que demostran o meu interese por este tema. Para min a
memoria histórica nunca foi unha moda, foi un modo e un tema que forma
parte de min, de Galicia e de todos os países que padeceron o fascismo. É
un tema que se tratará toda a vida como se trata, por exemplo, a II
Guerra Mundial.  Forma parte da nosa historia e do noso ADN.


O espírito libertario é unha actitude que debemos recuperar nestes tempos de crise nos que caen paus por todas partes?


O fundamental é non perder nunca o espírito de loita nin perder a
esperanza, porque nunca choveu que non escampase. Aquí hai unha crise
económica verdadeiramente pavorosa que está a ser utilizada contra a
cidadanía de forma demagóxica. Esa crise non é peor, nin moito menos,
que o fascismo ou que a Segunda Guerra Mundial. Saíuse daquilo e disto
tamén sairemos. Hai que partir desa base e hai que idear novas
estratexias; hai que ter novas tácticas para os problemas novos. Do
mesmo xeito que loitamos contra o fascismo político, hai que loitar
contra o fascismo económico. O que vivimos é outra forma de fascismo
que, por fortuna, non usa os mesmos mecanismos violentos dende o punto
de vista xenocida, pero que provoca unha submisión bastante semellante.
Eu creo no xénero humano e creo que a escravitude da Idade Antiga foi
superada na Idade Media coa servidume. Despois na Idade Moderna,
superamos a servidume coa explotación capitalista. Tamén iso será
superado nunha fase de liberación futura. Naturalmente é unha utopía,
pero a utopía non é máis que unha realidade prefutura. De feito, o tema
de utopía é un dos temas dun dos meus libros de contos, Meta-relatos. Esa obratrata de deconstruír o discurso dominante, que é o discurso do poder.


 


Se falamos de Galicia, hai un discurso de poder belixerante
coa lingua e a cultura do país. Estes días escoitamos, na boca da
concelleira de Cultura da Coruña, unha frase que, quizais, resume un
discurso de poder moi claro: hai actividades culturais "demasiado
galegos". O espírito libertario pódenos valer para superar este
discurso?


Evidentemente hai que superar estes discurso porque é unha forma de
autoodio racista. Non podemos opoñer o galego ao universal. O universal é
universal porque inclúe o galego. O galego non nega o universal, porque
forma parte del. Iso foi unha gran tradición do galeguismo, que foi
esencialmente universalista. Penso que o mellor do galeguismo foi o
universalismo, porque o Partido Galeguista vía en Galicia unha célula de
universalidade. Opoñer unha cousa e outra é mostra de ignorancia.
Seremos universais se non renunciamos a ser galegos. Do mesmo xeito que
seremos galegos se non renunciamos a ser universais. Neste volume que
veño de presentar na Coruña hai todo un libro, Os paraísos eróticos,
que está escrito fóra de Galicia. Vivín en Nova York e en Bretaña e
viaxei por outros lugares con estancias de traballo. A maioría dos
contos dese libro están escritos neses lugares, pero todos están
escritos en galego. Aínda que eu estea fóra de Galicia, no mundo, estou
nese mundo como galego. Non podo evitalo.


Por que non escribe unha novela longa? Prefire a narrativa breve por estar máis próxima á prosa poética?


Eu o que busco na vida -e tamén na miña obra- é a intensidade. Ese é o
motivo polo que me dediquei principalmente á poesía, porque a poesía é
un flash, unha epifanía. Nuns poucos versos pódese dicir todo con moita
intensidade. A narrativa breve ten iso tamén, permite ser intenso dende o
principio até o final. Por iso fago microrrelato, que xa o fixen de
forma inocente e espontánea na adolescencia. Permíteme máis intensidade.
A novela, por definición, non pode ser máis intensa. Ten que ter partes
nas que debe decaer a intensidade. Na novela hai que definir momentos
moi triviais. A novela é un xénero moi interesante ao que non se lle
pode restar méritos, pero non pode manter a intensidade continuamente.
Nin sequera os grandes autores poden manter esa intensidade, teñen que
pararse nos feitos máis triviais e nas descricións máis particulares.




<<       > <