Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

Os quilómetros que percorremos dende aquela


Autor:      Montse Dopico
30/12/2011

"somos fame/ tamén/ para o soño". Haikus, coma este. Poemas longos e curtos. Algo de prosa. Todos teñen o seu espazo en Os quilómetros que percorremos dende aquela, (Toxosoutos), o novo libro de Alberte Momán.
Unha obra na que o autor ferrolán amosa como a súa voz poética sigue
medrando. Cada vez máis limpa, no estilo. E cada vez máis rica, na
expresión.



Non é a primeira vez que Alberte Momán fai literatura erótica. Xa gañara o Illas Sisargas con Baile Átha Chiath no 2008 e o Narrativas Quentes por O lobo da xente. En Os quilómetros que percorremos dende aquela volve explorar o amor, na súa cotianeidade. As súas distintas etapas. Tamén o desamor. A ausencia. A dor da despedida. 



Pero segue a ser recoñecible, neste libro, o Momán máis político: menos visible aquí, porén, que en, por exemplo, A crise irredutible.
"recorro ás vontades da propiedade privada/ que sente un desprezo
tenaz/ contra a forza de traballo", di. Ou "o que me lembra un detalle
de min mesmo/ desa escura pero esperanzadora/ condición de neofalante/ a
ironía máis cruel/ ou o sarcasmo/ abrollan dos meus beizos na lingua do
imperio".



Do mesmo xeito que en Sermos un,
a obra coa que gañou o premio de poesía Aurelio Aguirre, sosteñen este
texto forzas opostas: o amor e a xenreira. Só que do amor tamén se
amosan as súas distintas caras: paixón, soidade, dependencia...



Como se pon de manifesto, unha vez máis, a febleza do sistema económico e
político que nos constrúe: "tan só coa verticalidade dos meus versos/
son quen de definir á esquerda deste país/ que crin recuperar/ neste
traballo/ que comezo/ con retardo/ a comprender/ detestando a miña
figura ambigua/ intrascendente", escribe. "vivimos a nosa/ propia/
Perestroika/ perdidos na postmodernidade", di noutro lugar dun poemario
estruturado en partes independentes e interrelacionadas.



Momán forma parte do moi activo colectivo "A Porta Verde do Sétimo
Andar", co que publicou non hai moito outro libro, "De Castro", no que
el mesmo e Alba Méndez achegan a súa visión sobre a obra de Rosalía.
Esta obra abría o selo "Q de Vian Cadernos", creado para ser un punto de
encontro da produción artística de toda a lusofonía. Coma el, moitos
outros membros do colectivo amosan o ronsel da poesía que se deu en
chamar dos 90. Un tipo de creación no que as inquietudes sociais e
políticas están moi presentes. Pero doutra maneira.