O amor que eu levei de Santiago
|
: 00454 : 978-84-15400-30-1 : O amor que eu levei de Santiago : Frateschi, Yara; Morán, Isabel e Souto Cabo; J. Antonio : : Roteiro da lírica medieval galego-portuguesa : 12,00 € : 102 páx. 13x21 Serie Esmorga Escolmas Nos séculos XII e XIII, era determinante o
papel de Santiago de Compostela como centro relixioso, político e cultural,
funcionando a cidade non só como polo de atracción para as correntes
intelectuais e artísticas prevalecentes na Europa, mais tamén como punto de
difusión desas mesmas tendencias ou doutras que alí terían encontrado o seu
berce. Non é de estrañar que unha boa
parte dos trobadores cuxa produción se encontra recollida nos Cancioneiros
galego-portugueses estea, dalgunha forma, con ela relacionada. Así, os trobadores
máis antigos, unidos entre si por lazos familiares ou por nexos sociais
vinculativos, que os caracterizan como un grupo fortemente cohesionado e
solidario, remiten a liñaxes poderosas no contexto galego da época: entre elas,
ten papel preponderante a estirpe dos Traba, mais hai outras igualmente
importantes que lle están asociadas, como os Vélaz, Limia, Celanova-Toroño,
Cabrera e Urgell. Con ramificacións e alianzas que se estenden aos outros
reinos da Península, esas familias ligábanse intimamente tamén aos círculos do
poder real e eclesiástico, con presenza marcante inclusive na comunidade
relixiosa do arcebispado de Santiago. Os Cancioneiros rexistran as composicións
doutros trobadores pertencentes a liñaxes nobres con propiedades fóra da terra
de Santiago, mais que, en gran parte, posuían casas en Compostela, que
servirían, dada a importancia política e cultural da cidade, como centro
aglutinador para as suas respectivas cortes. En fase mais avanzada, quando xa
se implantara o modelo transpirenaico e tiñan cristalizado os trazos que irían
demarcar a lírica galego-portuguesa, organizáronse certas compilacións de
cantigas, posteriormente integradas nos Cancioneiros xerais, cuxos autores eran
clérigos ou xograis galegos, respectivamente. O roteiro que presentamos está dirixido en
principio ao visitante non especialista. Dividimos os trobadores en dous
grupos: o primeiro é constituído por autores que fan algunha mención a Santiago
de Compostela na sua produción; o segundo inclúe trobadores que se ligan a esta
área xeográfica por documentación histórico-biográfica, ainda que non fagan
directamente referencia a esta nas súas cantigas. |
|