Bos Aires galega
|
: 00395 : 978-84-92792-49-8 : Bos Aires galega : : : Análise do impacto inmigratorio de galegos na Arxentina dende ópticas diversas : 22,00 € : O 17 % de todos os europeos que chegaron á
Arxentina entre 1857 e 1930 nacera en Galicia, e o saldo dos emigrantes galegos
asentados de xeito definitivo naquel país entre o primeiro deses anos e 1960 e
de máis de 600.000. De feito, durante boa parte do século pasado viviron na
cidade de Bos Aires máis galegos que en ningún outro núcleo urbano do planeta. Aínda resulta difícil calibrar o impacto que
semellante aluvión inmigratorio puido xerar na sociedade de acollida. A mesma
enumeración dos temas dos traballos integrados neste libro dá conta da
envergadura, riqueza e complexidade do fenómeno: a mirada da elite arxentina aos
inmigrantes europeos nos anos do Centenario da Revolución de Maio; os fluxos
migratorios galegos cara a república austral entre os séculos XVIII e XX; a súa
inserción socioprofesional, patróns de asentamentos e pautas matrimoniais; os
perfís dalgúns persoeiros excepcionais, e tamén os doutros homes e mulleres que
(dende realidades máis modestas) reflexionan sobre a súa experiencia no contexto
do masivo fenómeno migratorio; o papel dos galegos dentro do mutualismo español
e o seu propio asociacionismo étnico; a problemática específica das mulleres
emigrantes; as miradas que a sociedade arxentina tivo de quen a ela chegaron
dende Galicia; a conservación, transmisión e reinvención da cultura galega en
Bos Aires; o potencial das novas tecnoloxías para a identidade galaico-porteña;
etc. O material que se ofrece ao lector aborda algúns
dos seus múltiples aspectos dende as diferentes perspectivas teóricas e
metodolóxicas dos seus autores, ofrecendo unha mostra representativa e sólida
das problemáticas e aspectos máis importantes do devandito fenómeno. O libro proporciona
unha inxente masa de información de superlativa calidade, xerando o convencemento
de que se trata dun volume dobremente útil, pois tanto serve ao lector profano
como aos especialistas en historia de Galicia ou da súa emigración na Arxentina. |
|